ENSINO

O BNG advirte do descontento da FANPA con respecto á xestión dos comedores, transporte escolar e limpeza

Reunión do BNG coa FANPA
Reunión do BNG coa FANPA

Goretti Sanmartín e Iria Carreira mantiveron un encontro con representantes das asociacións de nais e pais

O BNG advirte do descontento da FANPA con respecto á xestión dos comedores, transporte escolar e limpeza

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022.- Representantes do BNG mantiveron un encontro coa Federación de asociacións de nais e pais (FANPA) en que analizaron as deficiencias actuais na situación dos comedores, do transporte escolar e de limpeza, entre outros temas.

A portavoz municipal Goretti Sanmartín e a deputada do BNG Iria Carreira, que participaron nesta reunión, indicaron a necesidade de convocar a comisión tripartita dos comedores conformada pola empresa, o Concello e as ANPA, como figura no contrato, para realizar o seguimento deste servizo e o control das prestacións que se ofrecen.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, entre outros temas da reunión, examinaron a problemática do transporte escolar que segue a presentar demoras nos centros de ensino de Sar, Vite, Eduardo Pondal, Xelmírez II, Roxos e Apóstolo Santiago, ademais de non realizar as paradas para recoller e deixar estudantes que corresponden. Con estas cuestións relativas ao transporte escolar en Compostela, a deputada Iria Carreira defenderá este venres unha iniciativa no Parlamento galego.

“Tratamos tamén a necesidade de reunirse o Consello escolar municipal para pór en común coa comunidade educativa a supervisión de comedores, o mapa escolar e a zonificación de dotacións”, sinalou, “xunto coa falta de conserxes en diversos centros escolares derivada de que o contrato municipal está en precario e a inexistencia dun plan de conciliación estábel, xa que non existe unha planificación anual nin hai actividades extraescolares organizadas polo propio Concello de Santiago”.

“Para o BNG, é necesaria unha mudanza de 180 graos en canto á participación das ANPA nas decisións sobre ensino e á toma en consideración das demandas da comunidade educativa de Santiago de Compostela, tendo en conta o desleixo que demostra, unha e outra vez, este Goberno local do PSOE neste ámbito crucial para a mocidade compostelá”, destacou.

 

O BNG advirte do descontento da FANPA con respecto á xestión dos comedores, transporte escolar e limpeza