RESIDUOS
Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a necesidade de recuperar a bonificación de Sogama para evitar a suba do recibo do lixo
A Xunta e Sogama teñen que fomentar a reciclaxe e a compostaxe e, por tanto, retirar estes incentivos non se entende
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022.- O BNG vai levar unha iniciativa ao Pleno de novembro para que o Concello de Santiago inste á Xunta de Galiza a recuperar a bonificación do 10% do canon sobre o lixo en Sogama.
O certo é que nos últimos anos existía esa bonificación do 10% que se efectuaba aos concellos que cumprían cos requisitos marcados en materia de redución de residuos enviados á planta de Sogama e do incremento da reciclaxe de refugallos. Era unha cantidade que no ano 2021 supuxo unha bonificación de 280.000 euros que se repercutía, xustamente, nunha redución do recibo para as persoas usuarias mentres que en 2022 esa bonificación foi de 274.000 euros, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
“A verdade é que non se entende esta medida, mesmo non coincidindo coa política de reciclaxe que se fai desde Sogama ante a necesidade de que Santiago de Compostela ten que ser un concello que aposte pola compostaxe de maneira particular”, indicou. “A propia Administración galega e Sogama teñen que fomentar a reciclaxe e a compostaxe e, por tanto, retirar estes incentivos non se entende”, sinalou.
“Parece evidente que, neste caso, esa baixada de impostos programada para as grandes fortunas fai necesario que se compensen e unha maneira de compensalo é coa suba da taxa de Sogama”, indicou. “Podemos facer unha conta do que pode significar para as arcas da Xunta de Galiza nos 167 municipios en que se procedía a esta bonificación”, engadiu.
Deste xeito, o BNG solicita de todos os grupos políticos que forman parte da Corporación municipal unha defensa dos intereses de Compostela e unha esixencia á Xunta de Galiza para recuperar esa bonificación do lixo do canon de Sogama que insistimos que lle vai supoñer ás persoas usuarias un incremento de arredor de 280.000 euros anuais.