CONGRESO
BNG reclama incrementar o investimento en Santiago de Compostela nos Orzamentos do Estado
Néstor Rego defende a implantación do servizo de cercanías ferroviarias así como a construción do traxecto de 27 km de vía que permitiría conectar de maneira directa as cidades de Lugo e Santiago
Goretti Sanmartín aposta polo aumento do investimento para a cidade compostelá a través de diversos proxectos estratéxicos que favorecerán o asentamento de poboación, a xeración de emprego e a diversificación da actividade económica
Madrid, 4 de novembro de 2022. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz municipal e candidata á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, presentan as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado de 2023 para incrementar o investimento na cidade en máis de 19 millóns de euros. Ambos poñen o foco na creación dun xulgado de violencia de xénero en Santiago de Compostela, a implantación do servizo de cercanías ferroviarias, a construción ferroviaria do traxecto directo entre Santiago e Lugo ou o desenvolvemento de políticas verdadeiramente sociais que permitan paliar a crise que está a repercutir, sobre todo, nas clases populares. Alén do máis, rexistran emendas para levar a cabo un proxecto de futuro de Santiago a través da humanización e rehabilitación de espazos e edificios con grande peso na cidade, así como garantir a seguranza viaria e os servizos para toda a cidadanía de Compostela.
Rego salienta o estancamento no investimento na Galiza, que tamén se reflicte en escasos recursos para a cidade de Santiago. Neste sentido, a organización nacionalista rexistra emendas aos Orzamentos do Estado co obxectivo de incorporar partidas que permitan “superar o déficit histórico en materia de infraestruturas -a destacar as ferroviarias- e servizos”.
“Propomos unha partida específica para a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero na Galiza, un deles en Santiago de Compostela, para dotar a cidade dun servizo xudicial especializado no combate á violencia machista e que aplique protocolos adecuados á situación das mulleres que son vítimas desa violencia” anuncia o deputado do BNG. Rego lembra que este proxecto está recollido no Acordo de investidura asinado a comezos da lexislatura e estes orzamentos “constitúen a última oportunidade para cumprir todos os compromisos adquiridos”.
O deputado nacionalista sinala que o BNG está a pór o foco nos investimentos ferroviarios e na aposta pola vertebración do territorio a través dunha moderna rede de camiños de ferro co obxectivo de “avanzar no proceso de descarbonización da economía e favorecer o uso dun transporte eficaz, eficiente e sustentábel como o ferrocarril”. Neste sentido, entre as emendas que presenta a organización nacionalista está a construción do traxecto de 27 quilómetros de vía ferroviaria entre Ordes e Curtis que permitiría conectar as cidades de Santiago de Compostela e Lugo.
Nesa mesma liña, Rego destaca o impacto positivo que para a cidade tería a implantación das cercanías ferroviarias e a construción da estación de mercadorías da Sionlla, unha infraestrutura necesaria para o transporte ferroviario desde os polígonos industriais de Santiago de Compostela e o novo Polo Biotecnolóxico da Galiza. “Servirá para diversificar a economía e xerar emprego, constituíndo un elemento básico para a dinamización industrial e comercial en Santiago” explica o deputado.
“O pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou unha proposta para a denominación da Estación Intermodal como “Daniel Castelao” e un proxecto de interiorismo coa tipografía, obra gráfica e exposición permanente sobre o legado do autor” lembra a portavoz do BNG e candidata á alcaldía, Goretti Sanmartín. Neste sentido, defende a incorporación dunha partida nos Orzamentos do Estado -Administración responsábel- de 400 mil euros para que o proxecto expositivo se leve a cabo.
“Queremos recuperar a vella terminal do aeroporto de Lavacolla para destinalo a actividades de formación aeronáutica, hangares e talleres de reparación para xerar actividade económica e postos de traballo nestas instalacións” defende o deputado do BNG no Congreso. Segundo apunta Rego, as instalacións atópanse abandonadas na actualidade e “non se está a aproveitar o emprazamento estratéxico desta infraestrutura”.
Incremento para o Consorcio da Cidade de Santiago
Tanto o deputado do BNG como a candidata á alcaldía coinciden na necesidade de duplicar a partida proposta polo executivo estatal para o Consorcio Cidade de Santiago de Compostela. “Urxe a rehabilitación de vivendas coa mellora da insonorización, accesibilidade e eficiencia enerxética para recuperar poboación na cidade histórica. Tamén adquirir locais para crear un viveiro de comercio e autónomos e autónomas” apuntan. Esta proposta que defenderá o BNG na negociación responde ao compromiso que se materializara na reunión do Real Padroado o pasado xullo de 2021.
Co corazón en Compostela: un proxecto de cidade para o futuro
Ademais da rehabilitación de vivendas e locais, a frente nacionalista propón a compra do edificio do Cine Iago -referente cultural do teatro na Galiza que fechou en 2007- para a creación do Museo de Monicreques. “Esta iniciativa tamén foi aprobada polo pleno do consistorio para a cesión, musealización e difusión do legado de “Monicreques de Kukas”, a máis antiga compañía de teatro con marionetas da Galiza, que naceu nesta mesma cidade en 1979 e dispón dun patrimonio material fundamental para a cultura galega” explica a candidata á alcaldía.
No eido cultural, Sanmartín destaca a proposta que defenderá o BNG para a creación da Nave de Asociacións e Factoría Cultural, unha iniciativa que permitiría situar a cidade compostelá na perspectiva doutras como Dublín, Edimburgo, Braga ou Porto. “Esta nave contería espazos de oficinas para as asociacións sociais, veciñais, culturais e deportivas, así como espazos comúns para a convocatoria de reunións e actos públicos” aclara Goretti Sanmartín, ademais dos locais de ensaios para músicos e espazos para fomentar o voluntariado e a participación da mocidade en diversos programas do tecido asociativo.
Por outra banda, a organización nacionalista afirma que existe unha alta demanda na cidade no relacionado cos estudos a distancia da UNED. “Reclamamos a creación dun centro na cidade para fomentar e facilitar o estudo a distancia desde Santiago de Compostela e da comarca. Na actualidade, hai centros na Coruña, que conta cunha aula en Ferrol. En Pontevedra existe un centro na cidade, con aulas en Lalín, Vigo e até en Tui” exemplifica.
Seguranza viaria e servizos
Alén do máis, a frente nacionalista urxe a humanización da rotonda de Conxo, que permita vertebrar a mobilidade do barrio, a través da instalación de pantallas para a insonorización e a mellora da seguranza viaria para permitir accesos peonís e para bicicletas, recollida de pluviais e unha estética integrada na paisaxe.
Para rematar, o Bloque Nacionalista Galego demanda a ampliación da rede de saneamento en Santiago xa que, a día de hoxe, existen 112 núcleos de poboación que non dispoñen de abastecemento de auga: “125 carecen de saneamento e 90 non ten ningún destes doos servizos básivos”. En opinión de Sanmartín, esta actuación “é imprescindíbel para evitar o despoboamento do rural e a mellora do ambiente”.