TRANSPORTE

O BNG solicita a convocatoria dun Consello extraordinario de Tussa para reclamar a urxente revisión dos autobuses urbanos

cemiterio_buses
cemiterio_buses
No último Pleno o BNG levou unha iniciativa neste sentido, mais o Goberno local non estimou necesaria a súa realización
O BNG solicita a convocatoria dun Consello extraordinario de Tussa para reclamar a urxente revisión dos autobuses urbanos

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2022.- O BNG, xunto co PP e con CA, solicita unha convocatoria extraordinaria do Consello de administración de Tussa para demandar a urxente revisión dos autobuses urbanos logo dos continuos sinistros producidos nos últimos meses e a preocupación da veciñanza.

Tendo en conta que aínda non saíu a licitación do novo contrato para renovar a flota de autobuses urbanos, pese ás reiteradas promesas do alcalde de que ía ser inminente, e os constantes accidentes sufridos nos últimos meses por mor do desgaste dos vehículos, o BNG considera necesario convocar un Consello de administración extraordinario de Tussa, a empresa municipal encargada da xestión do transporte público en Santiago de Compostela.

“Día si e día tamén vemos como os autobuses teñen numerosas deficiencias e acaban avariados fumegando nas cunetas, o que provoca inseguranza, atrasos e malestar entre a veciñanza xa que non prestan a súa función nas condicións de calidade que lle corresponden”, explicou a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín.

“Lembramos que no último Pleno o BNG levou unha iniciativa para instar á revisión e posta a punto dos autobuses, mais o Goberno local non estimou necesaria a súa realización coa alusión de que superan as probas da ITV”, sinalou. “O certo é que a flota de autobuses de Santiago está moi envellecida e o alcalde non lle pode seguir cubrindo as costas á empresa que presta este servizo cando teñen problemas de suspensión, de freado, de accesibilidade, de emisión de gases e de ruídos na carrocería interior, entre outros”, engadiu.

“Santiago de Compostela debe ter unha flota de autobuses en boas condicións e o Consello de Administración de Tussa debe realizar unha revisión e posta a punto destes vehículos para garantir o seu bo funcionamento, pois a situación de constantes avarías vén motivada pola falta de xestión do PSOE que non foi quen de sacar o novo concurso en tres anos que leva no Goberno municipal e de non ser quen de lle esixir á empresa unhas condicións de calidade para este servizo público”, indicou.

Ademais, o BNG reclama a eliminación do chamado “cemiterio de autobuses” no recinto feiral de Amio, onde están depositados 41 vehículos de despece desde hai tempo nunha parcela municipal, xunto co control de uso dese espazo.

 

O BNG solicita a convocatoria dun Consello extraordinario de Tussa para reclamar a urxente revisión dos autobuses urbanos