OBRAS
Goretti Sanmartín reclama modificar o trazado das obras do Hórreo “para evitar que aparezan carrís bus e carrís bici sen orixe definida”
O BNG solicita explicacións polo resultado destas obras que causan problema de inseguranza viaria
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022.- O BNG solicita explicacións do resultado das obras do Hórreo pois, para alén dos atrasos constantes da falta de planificación, da improvisación e das molestias causadas á veciñanza, agora ademais esta ten que soportar problemas de seguridade viaria cando cruza nese espazo porque hai unha definición moi estraña da circulación.
O BNG recibiu queixas de que cando o semáforo dos pivotes se pon en verde para peóns algúns coches seguen a circular, por posíbel descoñecemento de como funcionan, o que xera un problema que se agrava cando os semáforos verticais quedan ocultos tras un autobús que impide ver se está verde ou vermello, cando deberían estar máis elevados para a súa función de regular o tráfico.
“De tal maneira que cando se sobe da gasolineira un coche vén nun carril, pola dereita vai un carril de bus mais chega un momento en que conflúe no carril bus e, por tanto, ese non é espazo onde tería que estar e ten que desprazarse cara á esquerda”, explicou Goretti Sanmartín. “Se miramos un pouquiño máis adiante, de repente aparece un carril de bicicletas que non se sabe onde comeza nin por onde se incorporan esas bicicletas”, engadiu.
“Ao final, como vemos na maioría das obras deste Concello realizadas neste período a falta de planificación e da improvisación provocan resultados pouco satisfactorios”, sinalou a portavoz municipal do BNG.
Así, o BNG solicita explicacións do Goberno local de Sánchez Bugallo e a modificación do trazado no que sexa preciso “para que as obras sexan útiles e non causen problemas de seguranza viaria”.