CO CORAZÓN EN COMPOSTELA
O BNG convida a participar este xoves no magosto “Co corazón en Compostela”
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2022.- O BNG convida a participar no magosto da campaña “Co corazón en Compostela” que se celebrará este xoves 10 de novembro a partir das 19:00 na praza Roxa. No evento estarán a candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín, a portavoz nacional Ana Pontón e o deputado no Congreso Néstor Rego, ademais de contar coa actuación musical do grupo “Aire Xulia”.
As persoas que se acheguen a esta festa do BNG poderán tomar castañas e petiscos e compartir este momento coa candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín, quen manifestou que quere sumar a este proxecto “a todas as persoas que senten o corazón en Compostela e consideran necesario darlle un xiro de 180 graos á xestión municipal para saír deste letargo e converter este concello nun referente de vangarda”.
Así, o BNG aposta por aplicar políticas que entenden o espazo urbano como un dereito das persoas, por unha cidade con orgullo polo comercio local, un concello que traballe man a man coa Universidade, que sexa a capital cultural europea co seu extraordinario patrimonio. Quere unha Compostela feminista e que se sitúe á vangarda tamén na defensa do ambiente e na loita contra cambio climático, ademais de mellorar os servizos públicos municipais como a recollida de lixo, o transporte e os comedores escolares, entre outros.
“Para iso, é necesario contar coa veciñanza de Santiago de Compostela e por iso queremos convidar a participar nesta festa do magosto en que contaremos tamén con Ana Pontón e con Néstor Rego”, concluíu Goretti Sanmartín.