TRANSPORTE

Goretti Sanmartín: “O importante é recoñecer que a flota de autobuses non está nas condicións debidas e que resulta necesario garantir a seguranza viaria”

Autobuses urbanos
Autobuses urbanos
“Houbo tempo máis que suficiente para que o Goberno local tomase nota de que non ía estar en tempo o contrato dos autobuses e isto leva a unha deterioración progresiva da flota”, indica
Goretti Sanmartín: “O importante é recoñecer que a flota de autobuses non está nas condicións debidas e que resulta necesario garantir a seguranza viaria”

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, indicou que a poboación de Santiago de Compostela “está farta de desculpas de mal pagadores sobre o mal estado dos autobuses que se avarían de xeito constante”. “O importante é recoñecer que a flota de autobuses non está nas condicións debidas e que resulta necesario garantir a seguranza viaria de todas as persoas usuarias de transporte público en Compostela”, indicou.

É certo que o contrato está en precario desde 2016 e leva, por tanto, 6 anos en que non se lle poden esixir á empresa facer melloras, o que significa unha deterioración progresiva do estado dos autobuses.

“Houbo tempo máis que suficiente para que o Goberno local tomase nota de que non ía estar en tempo o contrato dos autobuses, un contrato que por moito que se apuren non vai ser unha realidade até mediados de 2024, era algo que desde a oposición e moi concretamente desde o BNG vimos advertindo reiteradamente, non só no Pleno tamén na Comisión de queixas e suxestións onde os temas relacionados co mal estado de autobuses son máis que frecuentes”, explicou.

“Xa sen fixármonos no tema das frecuencias, dos lugares, das paradas, das marquesiñas, dos paneis ou da accesibilidade, unha serie de cuestións que fan que o servizo de transporte público non estea á altura do que Santiago merece”, indicou.

“Ante o mal estado dos autobuses hai dous anos que este Goberno local debía estar buscando solucións e esixíndolle á empresa que respondan á calidade, facelo agora a uns meses das eleccións e dicir que van alugar uns autobuses para dar a impresión de que todo está ben é un parche”, engadiu.

Aínda no último Pleno, á resposta dunha iniciativa do BNG, o concelleiro de Tráfico afirmou que os autobuses estaban en bo estado. “El preside a Comisión de queixas e suxestións e é coñecedor da cantidade de reclamacións que alí se presentan mes a mes e sempre dicía que se solucionará todo co novo prego”, sinalou.

Para Goretti Sanmartín, “do único de que podemos estar satisfeitas é de que o Goberno local ve que hai que tomar unha decisión para renovar a flota antes de que o prego estea listo e, mentres tanto, o que pedimos é que deixen de pasarse a pelota de quen son os responsábeis se este goberno ou o anterior, ou o anterior”. “O importante é recoñecer que a flota de autobuses non está nas condicións debidas e que resulta necesario garantir a seguranza viaria de todas as persoas usuarias de transporte público en Compostela”, concluíu.

Goretti Sanmartín: “O importante é recoñecer que a flota de autobuses non está nas condicións debidas e que resulta necesario garantir a seguranza viaria”