CO CORAZÓN EN COMPOSTELA

Goretti Sanmartín chama a veciñanza que desexa un cambio e ten o corazón en Compostela a sumarse ao proxecto do BNG

Magosto do BNG de Santiago
Magosto do BNG de Santiago
Ana Pontón: “Goretti Sanmartín é a alcaldesa que necesita Santiago para que a cidade recupere todo o seu potencial”
Goretti Sanmartín chama a veciñanza que desexa un cambio e ten o corazón en Compostela a sumarse ao proxecto do BNG

Néstor Rego: “Con Goretti Sanmartín na Alcaldía esta cidade vai avanzar e mellorar a calidade de vida e benestar de todos os santiagueses e santiaguesas”

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022.- O BNG de Santiago organizou un magosto na praza Roxa coa candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín, a portavoz nacional Ana Pontón, o deputado no Congreso Néstor Rego e o responsábel local Xesús Domínguez, ademais de contar coa actuación musical do grupo “Aire Xulia”. “Facemos un chamamento á veciñanza que desexa un cambio e ten o corazón en Compostela a sumarse ao proxecto do BNG”, afirmou Goretti Sanmartín ante centos de persoas que acudiron ao evento.

“Coñezo ben todo o que pode dar de si Compostela, a cantidade de recursos que, ben xestionados, farán que o concello dea un xiro de 180 graos e se sitúe na vangarda”, afirmou Goretti Sanmartín na súa intervención. “Para iso temos que actuar desde a intelixencia, a eficacia e a confianza nas nosas posibilidades”, engadiu.

Goretti Sanmartín anunciou que, por iso, se presenta como candidata do BNG á Alcaldía para as municipais de 2023, porque entende que Compostela “ten que recobrar o seu pulso, deseñar as políticas desde as necesidades dos barrios e das parroquias, ter ambición, saír deste letargo e mellorar os servizos públicos, desde o transporte colectivo aos comedores pasando por outro modelo de recollida e tratamento de residuos”. Tamén defendeu adaptar a cidade ao cambio climático e apostar por outro modelo de mobilidade, garantir a accesibilidade, deseñar un concello feminista e con dereitos sociais e participación e demostrar todas as súas potencialidades.

Así, fixo un chamamento á participación; “para conseguilo é imprescindíbel a vosa implicación, desde agora até finais de maio nunha primeira etapa e logo na súa continuidade co BNG liderando o novo Goberno municipal”.

“No BNG temos o corazón en Compostela, por iso queremos que barrios e parroquias e, sobre todo, as persoas sexan o eixo ao redor de que se moven todas as políticas municipais”, indicou, “porque son tempos de cambio en chave galega e feminista”. A candidata nacionalista realizou un chamamento para que a veciñanza se una a este cambio, para sumar a este proxecto todas aquelas persoas que teñen o corazón en Compostela.

Goretti Sanmartín destacou que é un pracer celebrar esta festa popular do magosto, partillando conversas e expectativas de futuro coa veciñanza e con representantes de colectivos sociais, culturais e veciñais “porque queremos o mellor para Santiago, porque sabemos que Santiago merece máis”.

“Deseñar a Compostela do futuro coas persoas no centro, no corazón”

Pola súa banda, a portavoz nacional, Ana Pontón, sinalou a Goretti Sanmartín como a alcaldesa que Santiago necesita para recuperar todo o seu potencial e da que dixo “ten na cabeza e no corazón mellorar a vida das veciñas e veciños” da cidade e “poñelas no centro da acción política” para “deseñar a Compostela do futuro coas persoas no centro, no corazón”.

Como di a tradición, o magosto é tempo de sumar forzas e ilusións para invocar a sorte no tempo novo e isto é o que, segundo salientou Pontón, está a facer precisamente o BNG, “traballar por un tempo novo e por un futuro mellor para todos e todas”, co horizonte nas próximas eleccións municipais ás que o Bloque se dirixe “con confianza e ilusión” e ás que en Compostela acode “con ambición e orgullo” coa mellor das candidatas, “unha persoa leal, traballadora e honesta que ten un proxecto de transformación para o concello, con ideas claras e a enerxía para que esas ideas se fagan realidade”, subliñou.

A líder nacionalista amosou o seu convencemento de que “estamos nun tempo de cambio político” e, neste sentido, afirmou que Compostela precisa un cambio para coller impulso, saír da parálise na que se atopa, e “definir o seu modelo de concello, un concello integrador, de futuro, con recursos e posibilidades de desenvolvelos”.

“Santiago de Compostela pode ser moito máis e sabemos, temos a certeza, que con Goretti e co BNG ese obxectivo vai ser realidade”, concluíu logo de poñer en valor as políticas pensadas para as persoas que desenvolve o BNG nos concellos nos que goberna e que benefician aos sectores propios, á creación de emprego, á mobilidade, á conservación e promoción do patrimonio e á creación cultural, cun relevante peso no PIB compostelán.

Rego: “Con Goretti Sanmartín na Alcaldía esta cidade vai avanzar”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou que a formación nacionalista ten un proxecto de futuro para a cidade de Santiago de Compostela que mesmo sacou adiante iniciativas novidosas e exitosas durante a experiencia no Goberno municipal, a pesar de non contar co apoio da Alcaldía.

“Con Goretti Sanmartín na Alcaldía de Compostela esta cidade vai avanzar e desenvolver todas as súas capacidades e mellorar a calidade de vida e benestar de todos os santiagueses e santiaguesas” reivindicou Rego.

 

Goretti Sanmartín chama a veciñanza que desexa un cambio e ten o corazón en Compostela a sumarse ao proxecto do BNG