TRANSPORTE

O BNG cuestiona o sobrecusto que vai supor alugar novos autobuses por non publicar antes o novo contrato

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Esixe a comparecencia do responsábel de Tráfico para dar conta no Pleno da situación do transporte urbano 

O BNG cuestiona o sobrecusto que vai supor alugar novos autobuses por non publicar antes o novo contrato

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022.- O BNG, xunto co PP e con CA, solicitaron unha convocatoria extraordinaria do Consello de administración de Tussa para demandar a urxente revisión dos autobuses urbanos logo dos continuos sinistros producidos nos últimos meses e a preocupación da veciñanza.

O BNG considera que chegaron a unha situación de deterioración da frota de autobuses moi importante, como indican os informes presentados polo xerente de Tussa, por non ter ao seu debido tempo o contrato da renovación de autobuses, algo que xa debeu quedar feito do Goberno anterior e que o actual non foi quen de licitar en tres anos e medio deste mandato, explicou Goretti Sanmartín. “De aí deriva, xustamente, que o contrato está en precario e con moitos problemas para ofrecer un servizo en garantías e coa calidade precisa”, engadiu.

“Por outro lado, temos unha falta de actuación deste Goberno, porque sabía que non ía ser capaz de licitar este servizo e tiña que ter actuado con moita anticipación para poder negociar mellor”, advertiu. “O que temos enriba da mesa, como anunciou o propio concelleiro de Tráfico, é unha proposta para proceder a unha renovación de 11 autobuses que significaría unha cantidade de arredor de 56.000 euros ao mes que tería que aboar o Concello e, por tanto, o conxunto da poboación de Santiago de Compostela”, explicou logo da reunión.

Deste xeito, o BNG pide que se busquen outras alternativas “porque chegaron a esta situación por un problema de mala xestión e por unha política de propaganda e publicidade para anunciar plans de contratación en 2020 e no 2022, mais non será até 2024 se todo vai ben, cando se proceda á renovación deste contrato de autobuses que era absolutamente imprescindíbel e prioritario para ter un transporte colectivo digno”.

Así, Goretti Sanmartín anunciou que “o BNG esixe a comparecencia extraordinaria do responsábel desta área para que dea conta no Pleno de cales van ser as actuacións que van facer e intentar poñerlle unha solución a medio prazo e non un parche de apenas unhas semanas”.

 

 

 

 

O BNG cuestiona o sobrecusto que vai supor alugar novos autobuses por non publicar antes o novo contrato