OBRAS
O BNG aposta por reducir o uso do formigón e supervisar a calidade das obras públicas en Santiago
Entre as reivindicacións que o BNG defende para o Ensanche están a súa humanización e conseguir que sexa un espazo comercial de referencia e de paseo, onde tamén se realicen actividades de lecer habituais
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022.- O BNG advirte da necesidade de supervisar a calidade das obras desenvolvidas polo Concello de Santiago para evitar realizar novos investimentos cando se estragan ao pouco tempo de estar rematadas.
En concreto, defende que se manteña o lousado no cruzamento de rúa Montero Ríos con Xeneral Pardiñas en vez de optar polo formigón, un material que se está usando de maneira desproporcionada cando Santiago é patrimonial e debe estender o uso de materiais nobres e de embelecemento estético á maior parte posíbel do seu territorio.
Entre as reivindicacións que o BNG defende para o Ensanche están a súa humanización e conseguir que sexa un espazo comercial de referencia e de paseo, onde tamén se realicen actividades de lecer habituais. “Ter espazos amplos entre rúas favorece esa aposta polo encontro de persoas e actividades de dinamización comercial, aspectos para os que non é indiferente o modelo e o tipo de materiais elixidos e o resultado de decoro urbanístico”, explicou Goretti Sanmartín.
Deste xeito, o BNG opta pola utilización de materiais naturais, duradeiros e máis acordes ao noso patrimonio como elementos que tamén definen un modelo de cidade con identidade propia con espazos que contribúen a incrementar a calidade de vida.