ACCESIBILIDADE

O BNG comprométese coa Asociación de Persoas Xordas a levar ao Pleno a proposta de contratar intérprete de signos no Concello

Reunión coa directiva da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela
Reunión coa directiva da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín sinala a necesidade de garantir a accesibilidade da veciñanza cando ten que realizar algún trámite municipal

O BNG comprométese coa Asociación de Persoas Xordas a levar ao Pleno a proposta de contratar intérprete de signos no Concello

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro coa directiva da Asociación de Persoas Xordas e comprometeuse a trasladar ao Pleno a petición para que o Concello de Santiago poida ofrecer unha atención accesíbel ás persoas que o precisaren mediante a contratación pública de profesionais intérpretes de lingua de signos.

Na reunión, explicaron as necesidades da comunidade xorda e as oportunidades que supón na propia administración municipal contar con profesionais da lingua de signos para garantir a accesibilidade da veciñanza cando ten que realizar algún trámite. Existen problemas administrativos que impiden que poidan ter contratacións esporádicas, a maneira de que poidan ter este servizo é que a intérprete forme parte do cadro de persoal municipal.

“Dispor dunha persoa intérprete de signos no Concello de Santiago é clave para garantir a inclusión das persoas que precisan comunicarse coa administración local, de xeito que teñan facilidades no contacto cos departamentos municipais, algo estratéxico para un modelo de cidade que procura a igualdade de oportunidades”, explicou.

Goretti Sanmartín lembrou tamén o recente acordo unánime conseguido polo BNG no Parlamento galego para que as persoas xordas teñan intérpretes na sanidade pública tras o incumprimento do Goberno do PP. Para o BNG é fundamental que o espazo sanitario galego sexa accesíbel e inclusivo os 365 días e as 24 horas para garantir o dereito universal á saúde.

Outra das iniciativas que trasladou o BNG ao Parlamento foi destinada a reclamarlle á Xunta a necesidade de que os centros educativos ofrezan un recurso fundamental para garantir a aprendizaxe das crianzas xordas como é a figura de intérprete de lingua de signos a tempo completo durante toda a xornada educativa, para reparar a discriminación que sofre este colectivo no acceso ao ensino inclusivo.

O BNG comprométese coa Asociación de Persoas Xordas a levar ao Pleno a proposta de contratar intérprete de signos no Concello