PLENO

O BNG defende a reurbanización con asfaltado, novas tubaxes de abastecemento e medidas de seguranza viaria que reclama a asociación veciñal Aba do Pedroso

Reunión coa asociación veciñal Aba do Pedroso
Reunión coa asociación veciñal Aba do Pedroso

Goretti Sanmartín trasladará ao Pleno a necesidade de melloras na iluminación pública, recollida de residuos e pintado de pasos de peóns nese núcleo

O BNG defende a reurbanización con asfaltado, novas tubaxes de abastecemento e medidas de seguranza viaria que reclama a asociación veciñal Aba do Pedroso

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022.- O BNG reuniuse coa directiva da nova asociación Aba do Pedroso, á que Goretti Sanmartín parabenizou por se constituír e por conseguir que a veciñanza desta zona expoña colectivamente os problemas que arrastran desde hai anos derivados da falta de atención municipal a este espazo tan próximo ao centro histórico.

“Comprometémonos con esta asociación, como BNG, a levar unha moción ao próximo Pleno municipal e intentar que saia por unanimidade porque todas as reclamacións que fan son de xustiza para mellorar os servizos básicos municipais”, explicou Goretti Sanmartín logo da xuntanza.

Sinalou que son demandas relativas á limpeza de parcelas que poden incorrer en risco de incendio e este ten que ser un ámbito de actuación prioritario; cuestións relacionadas coa modernización de iluminación pública, con puntos de luz obsoletos, mais tamén de seguranza por non restituír aquelas luminarias avariadas; temas vinculados á recollida de lixo en canto á frecuencia e á falta de contedores de reciclaxe; e á falta de seguranza viaria por ausencia de pasos de peóns en toda a estrada.

Así, demandan tamén a reurbanización da zona, “coa construción de beirarrúas e de beiravías, porque hai persoas que saen a pasear e teñen que camiñar pola estrada, co perigo que iso supón, cando hai un proxecto en marcha por parte da Deputación provincial e hai que reclamar que sexa unha realidade de maneira inmediata”.

“Tamén é necesario o asfaltado da pista da rúa dos Asidros, que une con Bar de Abaixo e Bar de Arriba, ademais da renovación da tubaxe de abastecemento de auga que en grande parte é de fibrocemento e rompe varias veces ao mes e que entendemos que debe ser unha actuación prioritaria para incluír no Plan de Obras e Servizos (POS) do próximo ano ou buscar colaboración con outra administración para que poida ser unha realidade máis cedo que tarde”, indicou.

 

O BNG defende a reurbanización con asfaltado, novas tubaxes de abastecemento e medidas de seguranza viaria que reclama a asociación veciñal Aba do Pedroso