ORZAMENTOS
Goretti Sanmartín destaca que o alcalde non iniciou os Orzamentos de 2023 “por incapacidade de xestión e falta de ideas para Santiago”
“Nin sequera intenta ter un novo orzamento para atender as necesidades de barrios e parroquias”, advirte
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, ao fío das declaracións do alcalde sobre a falta de elaboración do proxecto de Orzamentos para 2023, cando falta mes e medio para concluír o exercicio, sinala que “é unha evidencia máis de que o PSOE non ten propostas para esta cidade, non ten proxecto nin ideas para Santiago, ten un modelo esgotado”.
Xosé Sánchez Bugallo renuncia a facer Orzamentos para 2023 porque non ten capacidade de xestión, ten sen desenvolver o contido nos Orzamentos de 2022 nin os remanentes do ano anterior e sabe perfectamente que calquera negociación cos grupos da oposición, que ten que realizar por estar en minoría, suporía render contas do feito e comprometido nos remanentes anteriores. “Como sabemos, nin executou o 50% e leva tempo vendendo fume”, sinalou.
Así, diante da súa total ineficacia e incapacidade para xestionar os orzamentos de 2022 renuncia a que poida haber novos investimentos importantes para 2023, explicou Goretti Sanmartín.
“Nin sequera intenta ter un novo orzamento para ter como prioridades atender as necesidades de barrios e parroquias de Santiago, o que significa deixar practicamente un ano sen posibilidade de que estes investimentos se leven a cabo e sen realizar melloras para Santiago”, sinalou. “É unha auténtica mostra da súa ineficacia e de como utiliza o Concello para intereses particulares”, engadiu.
Ademais, fixo referencia a que a Lei de grandes cidades lle permitiu nalgún momento recorrer á cuestión de confianza para sacar os Orzamentos e para aprobar en Xunta de Goberno moitos dos asuntos sen ter que sometelos ao Pleno da Corporación, a pesar de non convenceren a todas as forzas da oposición. “Agora nin sequera ten un borrador dun proxecto nin iniciou, xa avanzado o mes de novembro, as conversas cos grupos da oposición, o que significa nesta altura un desleixo das súas responsabilidades para coa veciñanza de Santiago”, advertiu.