PLENO

O BNG advirte da descoordinación do servizo de recollida de residuos, con falta de persoal e maquinaria que recolle o contrato

Reunión co comité de Urbaser
Reunión co comité de Urbaser

BNG, CA e PP trasladarán unha moción conxunta ao Pleno para reclamar melloras no servizo de recollida de residuos

O BNG advirte da descoordinación do servizo de recollida de residuos, con falta de persoal e maquinaria que recolle o contrato

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022.- O BNG, xunto coas outras forzas da oposición, mantivo un encontro co Comité de Empresa de Urbaser co obxectivo de analizar o grao de cumprimento das condicións estipuladas no prego unha vez asinado o novo contrato no pasado mes de maio.

“Na xuntanza comprobamos como, transcorridos seis meses desde que entrou en vigor o novo contrato coa mesma empresa adxudicataria que xa viña realizando este servizo con numerosas deficiencias, a situación non é que mellorase, senón que empeorou respecto de como se desenvolvía o servizo antes da recente adxudicación”, indicou Goretti Sanmartín. Esa é a valoración que detalla a representación de traballadoras e traballadores que observa con preocupación como van pasando os meses e nin se cumpre co persoal estipulado, nin existe a nova maquinaria imprescindíbel para ter un servizo de calidade, por non falar de que non hai varrido de noite, falta organización e planificación e a falta de cobertura das baixas que se producen impide que se realice a habitual oferta de días libres a cambio de traballar domingos e festivos.

Non é, por tanto, un problema de índole económica –unha reclamación salarial– o que está enriba da mesa senón a imposibilidade de realizar un traballo de calidade nunhas condicións que dan boa mostra da falta de vontade da empresa de cumprir as condicións dos pregos dunha concesión que paga o conxunto da poboación.

“Concretándomos as reclamacións, o prego recolle un mínimo de 157 persoas para o servizo, o total estimado para a substitución de baixas e persoas a tempo parcial”, indicou. “Mais a día de hoxe o cadro de persoal está conformado por, aproximadamente, 137 persoas incluíndo tamén a xente contratada para suplir as baixas”, advertiu. “Vinte persoas menos significa unha importante diminución na posibilidade de ofrecer un servizo digno que dea resposta ás numerosas queixas de que temos coñecemento nos últimos anos e que encheron as páxinas da Comisión de Queixas e Suxestións, dando conta de ser este un servizo deficitario prestado por unha empresa que non cumpre coas súas obrigas”, engadiu a portavoz municipal do BNG. Todo isto acontece cando a concesionaria xa eliminara a bolsa de traballo existente con anterioridade e con ela o dereito a unha orde de contratación pactada con traballadoras e traballadores do servizo.

Maquinaria en mal estado

Canto á nova maquinaria que describe o prego, o servizo conta con máquinas e illas móbiles que aínda nunca se estrearon, unha máquina lavabeirarrúas articulada, unha fregadora que non se pode usar por que está sen freos, unha varredora en mal estado e un camión de carga traseira recuperado da anterior contrata en moi mal estado. Do resto do equipamento sinalado no prego nada se sabe.

“Tamén descoñecemos a esta altura cando se vai proceder á substitución de contedores soterrados, que a empresa tiña que ir substituíndo polo seu mal estado a razón de 10 por ano, unha obriga sobre a que a concesionaria propuxera que na primeira anualidade serían 15 máis”, explicou. A data de novembro de 2022 non se produciu ningún traballo nesta liña.

Por outra parte, e non menos grave, é evidente “a total descoordinación e desinterese polo servizo, un feito que se acentuou gravemente desde o comezo do novo contrato”.

Máis unha lóxica reclamación é a posta en marcha da mellora dos vestiarios, en estado lamentábel e coa obriga do novo contrato de ter uns novos, sobre todo pola progresiva incorporación de mulleres ao servizo polo que cómpre ter vestiarios masculinos e femininos.

“Desde o BNG soubemos dunha xuntanza entre o Comité de Empresa e a concelleira responsábel, que rematou con boas palabras mais sen ningún compromiso nin feitos que fagan visíbel unha mellora da situación, polo que presentaremos unha iniciativa ao respecto no próximo pleno”, sinalou.

O BNG advirte da descoordinación do servizo de recollida de residuos, con falta de persoal e maquinaria que recolle o contrato