PLENO

O BNG aposta por abrir o pavillón multiusos da Lavacolla ás actividades organizadas por asociacións

Reunión con Lavacolla Activa
Reunión con Lavacolla Activa
Goretti Sanmartín e Xesús Domínguez reuníronse coa directiva de Lavacolla Activa
O BNG aposta por abrir o pavillón multiusos da Lavacolla ás actividades organizadas por asociacións

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022.- O BNG reuniuse coa directiva da nova asociación Lavacolla Activa e comprometeuse a trasladar ao Pleno de novembro as súas demandas para que o pavillón multiusos da Lavacolla manteña os usos compartidos entre a comunidade educativa do CEIP Rodríguez Xixirei e a veciñanza como estaba previsto e, ademais, para que o Concello de Santiago realice un proxecto e busque a dotación económica para arranxar o palco da música.

“A asociación veciñal Lavacolla Activa trasladounos a queixa por non poder celebrar a festa do magosto que pretendían organizar para o pasado sábado 29 de outubro no pavillón multiusos da Lavacolla e que, finamente, tiveron que realizar un día despois no centro sociocultural”, sinalou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Atendendo unha demanda histórica da veciñanza, o Concello incluíu no POS 2018 da Deputación da Coruña a proposta de dotación do edificio multiusos da Lavacolla, orzado en arredor de 250.000 euros, un proxecto que sufriu modificacións e non respondeu totalmente ás reclamacións veciñais. De feito, non se dotou esta infraestrutura dun espazo de aparcamento nin se permite na actualidade utilizar o patio vermello situado ao seu carón.

Con todo, a pesar destas deficiencias, este centro vén dotar a parroquia dun espazo multifuncional que foi concibido para partillar con toda a veciñanza naqueles momentos en que non fose utilizado pola comunidade educativa do CEIP Rodríguez Xixirei. A día de hoxe realízase alí algunha actividade allea ao centro educativo en días lectivos fóra do horario escolar. Mais o Concello, a través de Centros socioculturais denegoulle, sen ningún tipo de xustificación, á asociación Lavacolla Activa a utilización do pavillón para un magosto, pois non había –nin houbo- ningunha actividade prevista para ese día. “A petición respondía a ser un lugar máis acaído para a realización da actividade así como a exercer o dereito a gozar dunha infraestrutura realizada para o goce do conxunto da veciñanza da parroquia, polo que non se entende a denegación da solicitude, máxime cando o propio alcalde e os concelleiros responsábeis de distintas áreas relacionadas coa materia realizaron no seu día declaracións de compromiso neste sentido”, explicou Goretti Sanmartín.

Arranxo do palco da música

Por outra parte, existe un palco da música na praza situada á beira da estrada xeral que se encontra nunha situación lamentábel, tanto no tellado como no espazo inferior, con ventás rotas ou en pésimo estado e cos baños pechados. “Cómpre dotar un pequeno orzamento para o seu acondicionamento e que sirva tamén como espazo de lecer e de reunión, así como ofrecer uns baños públicos aos/ás numerosos/as peregrinos/as que transitan pola zona e que carecen dese servizo”, reclamou.

O BNG aposta por abrir o pavillón multiusos da Lavacolla ás actividades organizadas por asociacións