INSTITUCIONAL

O BNG reclama que o alcalde explique unha inédita acumulación de poder no seu goberno pola necesidade de coordinación

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Bugallo recoñece a debilidade do seu goberno a seis meses das próximas eleccións

O BNG reclama que o alcalde explique unha inédita acumulación de poder no seu goberno pola necesidade de coordinación

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022.- O BNG pedirá explicacións ao alcalde diante dunha remodelación do goberno anunciada no BOP que supón a perda de competencias do tamén concelleiro de Obras e unha acumulación de áreas nunca vista na figura de Mercedes Rosón. Lembremos que esta última era até o de agora concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade histórica, Acción cultural e Igualdade, áreas a que suma a partir de hoxe Centros Socioculturais.

O propio alcalde recoñece nun decreto asinado o 14 de novembro que é necesario darlle un pulo que reactive a actividade dos centros socioculturais e “para ese fin considérase que é fundamental incrementar a súa coordinación coa actividade cultural do Concello”.

A portavoz municipal, Goretti Sanmartín, xulga que “de seren certas estas afirmacións da necesidade de coordinación entre as áreas de goberno, o que se está a recoñecer é que durante tres anos e medio esta non existiu”. “Moi ao contrario, o que houbo foi un goberno dividido, onde cada concelleiro/a actúa pola súa conta”, -continuou.

Por outra parte, é inaudita a acumulación de áreas nunha única persoa, un feito que revela o esgotamento do equipo de goberno local e que traslada a imposibilidade de atender coa dedicación debida ámbitos tan importantes na vida municipal. O carácter extraordinario da situación creada lévanos a preguntarlle ao alcalde os motivos detallados desta decisión.

O feito de realizar agora esta substitución competencial dun concelleiro moi cuestionado polo seu labor á fronte tanto de Obras como de Centros socioculturais, do que o BNG municipal solicitara a súa dimisión hai case un ano, pon, desde a nosa perspectiva, enriba da mesa o nerviosismo do PSOE ante as próximas eleccións. “Cada día é máis evidente que o PSOE representa o vello e superado, que non ten un proxecto colectivo para o Concello de Santiago e que o propio alcalde non se fía da inmensa maioría das persoas que conforman o seu grupo de goberno” -afirmou a portavoz municipal.

“O único que vai conseguir con esta mudanza de competencias é ralentizar o funcionamento da maquinaria municipal e gañar tempo diante da súa falta de credibilidade ante a cidadanía. Son tempos de cambio. Mais de mudanzas de verdade, de novas formas de facer política, co corazón en Compostela. Tempos de cambio en chave galega e en chave feminista, non de parches e venda de fume. O PSOE xa demostrou a súa incapacidade para xestionar con axilidade e transparencia” -comentou Goretti Sanmartín, quen entende que o alcalde pretende así buscar un culpábel dunha nefasta actuación tanto na área de Obras como de Centros Socioculturais das que só el, o propio alcalde, é responsábel.

 

O BNG reclama que o alcalde explique unha inédita acumulación de poder no seu goberno pola necesidade de coordinación