CENTROS SOCIOCULTURAIS
Goretti Sanmartín: “Son numerosas as queixas pola falta de actividades de teatro nos centros socioculturais”
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2022.- O BNG traslada ao Pleno unha interpelación sobre a ausencia de actividades de teatro nos centros socioculturais, logo de que o concurso quedase deserto por convocalo con demora e xa iniciado o curso.
Son numerosas as queixas da veciñanza pola falta de actividades teatrais nos centros socioculturais neste inicio de curso debido á falta de planificación do equipo de goberno que deu lugar a que o proceso de licitación saíse moi tarde, de tal maneira que ás empresas non lles foi factíbel presentarse ao concurso e este quedou deserto. O concurso licitouse o 4 de outubro, por 69.408 euros anuais, e declarouse deserto o 14 de novembro. Estaba previsto impartir 930 horas anuais nos centros de Vite, Conxo, As Fontiñas, Santa Marta, Castiñeiriño, Marrozos, A Rocha, O Ensanche e O Romaño.
“Polas informacións de que dispoñemos, as persoas que noutras ocasións exerceron de monitoras tiveron que procurar outras saídas laborais á vista da deixación de responsabilidades da Administración municipal, que publicou os pregos de condicións con excesiva demora”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Resulta “asombroso” que exista unha moi boa valoración das persoas usuarias das actividades teatrais que se realizaron en anos anteriores, cando levaban 27 anos a impartirse, e que as empresas entendan que non poden presentarse polo desleixo do Goberno “e máis sorprendente é que tras se declarar deserto o concurso, haxa persoas vinculadas á empresa Serviplus -que non estivo vinculada a este servizo nos últimos anos nin é unha empresa especializada no sector- que tenteasen a posibilidade de contratar para tal labor persoas monitoras doutra empresa que si desenvolveron esta tarefa nos últimos tempos”.
“Máis unha vez temos un procedemento irregular con escasa transparencia e incumprimento de prazos, o que provoca unha redución de actividades e a desaparición dunha das que tiña unha maior valoración e que xulgamos moi necesaria para a socialización nesta etapa pospandémica”, indicou.
“Pequeno axuste do goberno”
“Por outra parte, non podemos deixar de solicitar explicacións diante das mentiras que o alcalde trasladou recentemente aos medios de comunicación, ao falar dun pequeno axuste do goberno que realmente se saldou coa dimisión do anterior concelleiro de Centros Socioculturais”, sinalou. “Parece lóxico que diante desta crise de goberno o alcalde dea unha información veraz do acontecido e que se asuman as responsabilidades políticas pertinentes polo que leva sendo unha deriva no funcionamento da importante rede de centros socioculturais do Concello de Santiago que non fai máis que esmorecer”, engadiu.
O propio alcalde recoñece nun decreto asinado o 14 de novembro que é necesario darlle un pulo que reactive a actividade dos centros socioculturais e “para ese fin considérase que é fundamental incrementar a súa coordinación coa actividade cultural do Concello”. É evidente, pois, que se está a recoñecer que non existiu a coordinación nos tres anos e medio de goberno socialista e que o alcalde é o responsábel último da falta de planificación nun ámbito en que existiron numerosas queixas por parte de traballadoras e traballadores e persoas usuarias.
Deste xeito, o BNG trasladará unha interpelación ao Goberno municipal para que explique a causa de non publicar en tempo e forma o contrato de actividades teatrais dos centros socioculturais do Concello. Na mesma iniciativa demandará información sobre as causas reais de lle retirar as competencias ao anterior concelleiro de centros socioculturais e se sabe o Goberno municipal que a empresa Serviplus está tentanto contratar monitores/as da que prestaba o anterior servizo de actividades teatrais.