PLENO
O BNG reclama incrementar a seguranza, dotar de iluminación e pavimentar o aparcadoiro de Sar
Nas últimas semanas sucedéronse diversos roubos e desperfectos en coches alí estacionados
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022.- O BNG traslada ao Pleno unha iniciativa para incrementar a seguranza, dotar de iluminación e pavimentar o aparcadoiro de Sar á vista das numerosas queixas recibidas.
A veciñanza que utiliza o aparcadoiro de Sar situado nas inmediacións do campo de fútbol reclama o seu acondicionamento con medidas destinadas a garantir a seguranza, coa iluminación adecuada mediante sensores de detección de movemento e coa eliminación das fochancas, para poder ter tranquilidade cando deixan os vehículos neste espazo público.
De feito, nas últimas semanas sucedéronse diversos roubos de rodas de coches que estaban alí estacionados, que se suman aos anteriores episodios de rotura de cristais, subtracción de obxectos e tamén de pneumáticos producidos meses atrás. Urxen medidas para atallar esta vaga de roubos nun espazo cedido para uso municipal en que existen tamén unhas vellas instalacións que non cumpren as debidas medidas de seguridade.
Cómpre lembrar que o BNG xa trasladara en abril deste ano unha moción para incrementar a seguranza nestas instalacións, ademais de habilitar o canellón para ampliar o número de prazas en horario nocturno para residentes, cuestión necesaria fundamentalmente por seguranza.