PLENO
Goretti Sanmartín propón un Plan de aforro e eficiencia enerxética nas instalacións municipais
A crise do Goberno local do PSOE de Santiago “está pechada en falso”, pois a veciñanza sabe que división interna do grupo socialista continúa existindo
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín anunciou en rolda de prensa que o BNG proporá no Pleno de novembro a creación dun Plan de aforro enerxético nas instalacións municipais “imprecindíbel e necesaria nestes momentos de crise para beneficiar o conxunto da poboación de Santiago ao reducir gastos e poder destinar eses recursos a outros investimentos necesarios e para que se faga realidade un acordo unánime da Corporación adoptado hai un ano para que se colocasen paneis de enerxía fotovoltaica nas instalacións municipais, que está sen executar”.
Sorpréndenos que non haxa este plan de aforro nas instalacións municipais e, especialmente, cando recibimos queixas da veciñanza de que nos centros socioculturais e noutras instalacións municipais a calefacción está acendida mesmo en fins de semana cando non hai actividades.
Deste xeito, o BNG propón realizar unha campaña de asesoramento e de sensibilización da cidadanía, poñer un servizo a disposición da propia veciñanza para ofrecer esta información e axudas, e que se complete toda a instalación de luminarias de tecnoloxía de baixo consumo, con led, en zonas públicas de titularidade municipal garantindo que tanto en rúas, en prazas e vías de tránsito se poida minimizar o consumo de tal maneira que iso poida reducir o gasto nas arcas municipais nestes momentos en que os prezos están disparados pola crise económica.
Reclama tamén unha aplicación en edificios e institucións para que se invista en novas tecnoloxías máis eficientes tanto na iluminación de edificios, como no equipamento informático e en sistemas de quecemento ou de ar acondicionado máis racionais. Sobre todo, que haxa unha racionalización horaria no uso dos recursos enerxéticos de tal maneira que en momentos que non hai actividade e están pechados non pode estar en funcionamento determinados elementos como a calefacción ou a iluminación.
Por iso é necesario que se redacte un plan municipal de eficiencia enerxética e que se cumpra en todas as instalacións municipais, que ten que ir acompañado da redución do gasto, do aforro de enerxía, de reutilización de recursos e da reciclaxe de materiais.
Así, instou a que se poña en marcha a instalación de paneis fotovoltaicos nas instalacións municipais, pois hai un ano, cando levamos isto ao Pleno a propia concelleira de Facenda Marta Abal comentou que xa estaba en conversas con empresas para ver a posibilidade de instalación, unha medida que ía comezar polos colexios e que ía ser unha realidade inmediata, mais pasou un inverno e chega outro e aínda estamos sen que sexa unha realidade. Esta iniciativa contou co voto a favor do grupo de Goberno, xa que fora aprobada por unanimidade.
Revisión das obras nos Concheiros
A sustentabilidade debe ser un dos elementos principais, non só pola crise económica senón tamén pola crise climática para o que é necesario apostar pola enerxía renovábel e polo aforro enerxético. “O concello non está facendo todo o que está na súa man, pois é continuo que en cada obra hai que estar volvendo sobre ela con modificacións de proxecto e a investir máis cartos polas súas deficiencias, como aconteceu coas obras do Hórreo coa regulación dos semáforos e das lousas que se levantaban e está a acontecer agora nos Concheiros, despois dun atraso escandaloso e hai que facer un novo investimento por excesivo peso do transporte e tamén por selado deficiente inicial, polo que ten que haber unha maior inspección das obras e das empresas concesionarias”, sinalou.
Crise do Goberno local do PSOE “pechada en falso”
A preguntas de xornalistas, indicou que o BNG considera que a crise do Goberno local do PSOE de Santiago “está pechada en falso”, pois a división interna dentro do grupo socialista continúa existindo e, por máis que a queiran ocultar, é unha evidencia que a sabe a veciñanza. “Outra cuestión é que queiran cerrar filas e ocultar un procedemento que foi moi mal levado porque a poboación que xa non se fía do alcalde, porque queda clarísimo que lle mentiu ao conxunto da poboación cando intenta disimular e parecer que era un acordo facer un pequeno reaxuste, como dixo na primeira comparecencia e que se vía que era unha clara disparidade de criterios e un intento de que un dos seus concelleiros dimitise”, sinalou.
Esta situación de crise está incardinada nun proxecto deste Goberno local que está esgotado, que non é capaz de executar o diñeiro que ten e queren dala por fechada porque intentan ocultar o problema que deriva no malestar veciñal polas queixas do funcionamento do transporte, da recollida do lixo e a instalación de contedores, dos problemas da administración electrónica e dos comedores escolares, entre outras, porque vai chegar a fin de ano e non está executado nin o Orzamento nin os remanentes e así teñen unha desculpa máis para atribuírllela aos cambios e á remodelación para tapar a incapacidade de xestión”, engadiu.
“O conflito non está pechado, porque a veciñanza sabe que cadaquén vai polo seu lado no grupo socialista, porque isto era algo que xa se sabía e que non se actuou a tempo”, explicou. “Esperemos que a xente tome nota e que a partir de maio exista un novo Goberno liderado polo BNG que realmente teña un proxecto para o Concello e para o conxunto de Santiago de Compostela”, afirmou Goretti Sanmartín.