ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín defende un modelo de concello onde a accesibilidade sexa política transversal

visita.cogami
visita.cogami

Propón a supervisión das obras, transporte urbano, edificios e instalacións públicas, ademais de fomentar o emprego das persoas con discapacidades

Goretti Sanmartín defende un modelo de concello onde a accesibilidade sexa política transversal

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, e o candidato Xosé Quintáns visitaron as instalacións de COGAMI, onde contrastaron o programa de goberno e anunciaron a creación dunha oficina municipal de promoción de autonomía persoal e de accesibilidade universal, en colaboración coas entidades sociais. Isto vai inserido no modelo que propón o BNG para conseguir unha cidade inclusiva e accesíbel.

“Non se entenderían a nivel galego e de Santiago de Compostela os avances importantes en accesibilidade, inclusión e fomento de emprego para garantir a autonomía das persoas con algunha discapacidade, sen o traballo destas entidades como COGAMI”, destacou Goretti Sanmartín. “Precisamos ter un plan de accesibilidade en Santiago de Compostela que facilite ir desde a praza do Obradoiro a Santiago de Chile, por exemplo, pois na actualidade teñen que facer percorridos moito máis longos para poderen sortear as barreiras arquitectónicas”.

“Nestes catro anos en accesibilidade temos que darlle un suspenso a este goberno, tivemos unha reunión do Consello municipal de accesibilidade onde non se avanzou e mesmo temos un problema que imos poñer diante: a propia Casa do Concello e a súa accesibilidade, onde hai un ascensor con escaleiras diante”, explicou. Deste xeito, comprometeuse a facer un plan de accesibilidade en colaboración coas entidades asociativas, para que sexa universal, para a xente que ten problemas visuais, auditivos, comunicativos.

Referiuse tamén á accesibilidade nas obras novas, con eivas nas recentes de Carreira do Conde ou na reurbanización de Santa Marta, onde se debe facer un seguimento desde o inicio e non se reciban como rematadas mentres non cumpran os estándares. Outro erro foi o cambio das prazas de aparcadoiro para discapacidade, de Vía Cambre ao Hórreo, onde a apertura da porta dos vehículos é imposíbel pola altura das beirarrúas. Do mesmo xeito que os problemas co transporte colectivo, onde a moitos dos autobuses non lles funciona a plataforma de acceso. “Son necesarias campañas de formación e de garantía de dereitos básicos dos servizos públicos”, sinalou.

“É de xustiza social a accesibilidade universal, porque son dereitos básicos, e ademais calquera cuestión que sirva para facilitarlle a vida a unha persoa cunha discapacidade é boa para o conxunto da poboación; por iso reclamamos un modelo que se puxo en marcha en Pontevedra onde todas as persoas se poñan no centro, con beirarrúas anchas, lousas en bo estado, pasos e peóns a nivel e iluminados”, explicou.

As administracións teñen que conseguir que se cubran as prazas de promoción de emprego para persoas con discapacidades e as vivendas de protección social que inclúan a reserva para casas adaptadas.

Goretti aplicou na Deputación estas demandas

Pola súa parte, Anxo Queiruga agradeceu o traballo de Goretti Sanmartín como vicepresidenta da Deputación co traballo do movemento asociativo de entidades con discapacidade, “porque aplicou no ámbito provincial estas demandas que quere levar adiante no ámbito municipal de Santiago”. “A súa debe ser unha referencia para aplicar na política municipal”, engadiu.

Trátase de facer espazos para toda a cidadanía, para evitar dificultades en todos os ámbitos, por iso pedimos que a accesibilidade teña o mesmo rango que pode ter a saída de emerxencias á hora de conceder unha licenza de apertura dun negocio, reclamou o representante de COGAMI. Pois doutro xeito, ir xantar nun restaurante ou comprar roupa queda relegado ás grandes áreas comerciais para as persoas con discapacidades, sinalou. É necesaria unha pedagoxía en colaboración co Concello de Santiago de Compostela.

COGAMI ten perto de 200 postos de traballo directos en Santiago de Compostela e o 96% do cadro de persoal ten discapacidades, ademais de ter contribuído ao avance social para a normalización e é necesaria a transversalidade nas políticas municipais, tanto nas actividades de lecer, de ensino, de deportes, de transporte público e de saúde, entre outras.

 

 

 

 

Goretti Sanmartín defende un modelo de concello onde a accesibilidade sexa política transversal