ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “É un momento importante para transformar Santiago de Compostela co apoio ao BNG este 26M”
Ana Pontón: “Estou convencida de que hai moitos galegos e galegas que queren máis BNG nos concellos porque temos un modelo de éxito que transforma para mellorar a vida das persoas”
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019.- A cabeza de lista do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto coa candidatura ás eleccións municipais participaron nun almorzo informativo para facer balance de campaña. Goretti Sanmartín explicou que nesta campaña detectou que “moitas persoas nos ven como referente para transformar este concello co modelo BNG, para conseguir facer de Santiago de Compostela unha cidade integradora, inclusiva e con políticas galeguizadoras”. “Ás persoas que aínda están indecisas ou non saben se van quedar na casa o domingo, dicímoslles que é un momento importante para transformar Santiago de Compostela co apoio ao BNG, para gañar peso político como capital de Galiza con orgullo de cidade”, engadiu.
A portavoz nacional Ana Pontón afirmou sentir “unha gran corrente de simpatía cara o BNG e neste último día queremos que se transforme nun incremento de apoio ao BNG, porque estou convencida de que hai moitos galegos e galegas que queren máis BNG nos concellos porque temos un modelo de éxito que transforma para mellorar a vida das persoas”.
“O vindeiro 26 de maio moitos galegas e galegas van apostar por máis BNG nos concellos porque temos un modelo de éxito que funciona que ademais é unha referencia internacional”, destacou. “Facemos un chamamento á mobilización nas urnas para que todas as persoas que queren que haxa políticas transformadoras nos concellos vaian votar Bloque Nacionalista Galego porque somos a garantía de bo goberno e de cambio real nas cidades e en positivo para dinamizar as vilas e cidades; capaz de poñer en marcha un proxecto novo para os concellos”, sinalou.
Ana Pontón fixo un chamamento “a aglutinar todo o voto nacionalista, de país, inconformista e rebelde nas candidaturas do BNG porque somos a forza política que garante cambios reais nos concellos con políticas transformadoras”. “Ninguén ten que conformarse co vello bipartidismo de sempre nin tampouco coa decepción que xeraron fórmulas que dicían que viñan mudalo todo e non foron quen de xestionar día a día”, engadiu. “Somos a papeleta da rebeldía, do inconformismo e da xente que confía nas posibilidades deste país e temos o mellor aval que pode ter unha organización política que son os feitos, porque demostramos que hai outra forma de facer política que xa está en marcha nos concellos onde goberna o BNG”, afirmou a portavoz nacional.
“En Santiago temos claro que a mellor alternativa é o BNG coa candidatura que encabeza Goretti Sanmartín que nesta campaña demostrou que dá a cara porque foi a todo canto debate a convocaron e fixo unha campaña de rúa moi activa, de explicación en positivo das nosas propostas e ten algo clave para que Santiago poida avanzar: unha candidatura cun proxecto transformador e tamén con capacidade de xestión para construír unha Compostela máis igualitaria, máis social e orgullosa de ser a capital de Galiza”, sinalou.
Goretti Sanmartín agradeceu a militancia, simpatizantes e persoas que integran a candidatura e de maneira especial á comisión electoral polo traballo desenvolvido para recoller as propostas do asociacionismo e dos barrios, cunha campaña a pé de rúa, de ti a ti, para distribuír máis de 30.000 folletos, e tamén nas redes sociais con material audiovisual e con aqueles elementos que mostraban elementos do noso programa e que quixeron humanizar a campaña con mensaxes máis emocionais.
“Desde a perspectiva do que significou ese boca a boca recibimos moita enerxía e hai moitas persoas en Santiago de Compostela que ven con bos ollos a alternativa do BNG e teñen esa lembranza do paso pola Corporación nos últimos 40 anos para pór en valor o traballo realizado desde o goberno e desde a oposición”, sinalou Goretti Sanmartín.
Recoñeceu tamén que esta “foi a campaña dos debates”, dos que asistiu a 16 de 19 aos que foi convidado o BNG, dos que a metade foron sectoriais de temas de patrimonio, culturais, feminismo, política económica e 8 foron debates de política xeral. “Deste xeito, a veciñanza tivo oportunidade de contraste das posicións das distintas organizacións políticas do BNG, aos que acudimos para trasladar en positivo as nosas iniciativas e propostas para ofrecer esa mensaxe de futuro, de alternativa para gobernar a medio e longo prazo Santiago de Compostela”, asegurou.
“Estamos nun momento crucial para Santiago, temos que darlle unha mudanza á Casa do Concello para conseguir que sexa áxil, eficiente e solucionador e facilitador para a veciñanza, que terá participación real, para escoitar a xente e o tecido asociativo que son quen mellor coñecen a realidade e saben parte da solución”, afirmou a candidata.