PLENO

Goretti Sanmartín defenderá no Pleno a reurbanización da rúa de Sar como continuidade da obra de Castrón Douro

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Esta nova intervención debe equilibrar os espazos destinados a tránsito peonil e tráfico rodado, suprimir barreiras arquitectónicas, complementar instalacións de servizos básicos e mellorar a seguranza viaria
Goretti Sanmartín defenderá no Pleno a reurbanización da rúa de Sar como continuidade da obra de Castrón Douro

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa para que o Goberno local realice as xestións necesarias e inclúa nos Orzamentos de 2021 a consignación para executar as obras de reurbanización da rúa de Sar co fin de lle dar continuidade á actuación realizada en Patio de Madres e Castrón Douro.

“Agora que concluíu esa fase das obras de Castrón Douro e Patio de Madres, cómpre darlle continuidade cara a Calzada de Sar para unificar o tratamento da reurbanización, co obxectivo de mellorar a superficie destinada tanto para tráfico rodado como peonil, que se encontran nunha situación con moito deterioro e presentan problemas de seguranza viaria”, destacou.

Esta segunda fase da intervención que comprende desde Castrón Douro no cruce con Curros Enríquez até a Ponte de Sar estaba prevista xa na programación para efectuar con fondos propios, como consta na documentación da EDUSI, co obxectivo de identificar o conxunto como remate da Ruta da Prata. A intervención dividiuse en dúas fases ou tramos por cuestións de escala e coordinación da mobilidade ao se tratar dunha vía estruturante do tráfico rodado.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, as obras de Castrón Douro e Patio de Madres contribuíron a eliminar os desniveis entre a vía e as beirarrúas ademais de unificar as superficies, co que se mellorou a accesibilidade, a luminosidade das vivendas e a calidade urbana para as persoas residentes nesta zona do barrio. Contaron cun orzamento inicial de licitación de 1.556.454 euros incluídos na EDUSI para o seu financiamento con Fondos FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible.

Esta actuación completouse coa substitución do pavimento da calzada por formigón ligado con pezas de granito ás beirarrúas, con pasos de peóns elevados e espazo para a instalación de colectores soterrados. Deste xeito, equilibráronse os espazos destinados a tránsito peonil e tráfico rodado, suprimíronse barreiras arquitectónicas, complementáronse as instalacións de servizos básicos e xeráronse espazos de descanso para uso público.

Para o BNG, a reurbanización da rúa de Sar é unha das actuacións que se deben incluír na programación de obras de 2021, para o que trasladará unha moción ao Pleno de xullo para que se inclúa nos Orzamentos municipais do vindeiro ano.
Goretti Sanmartín defenderá no Pleno a reurbanización da rúa de Sar como continuidade da obra de Castrón Douro