ORDENANZAS FISCAIS

Goretti Sanmartín destaca a “boa vontade” do PSOE para incorporar propostas do BNG nas ordenanzas fiscais de 2020

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Para incrementar a recadación propón cobrarlles ás empresas eléctricas polo uso de solo de dominio público e o IBI da Igrexa nos estabelecementos hostaleiros e comerciais
Goretti Sanmartín destaca a “boa vontade” do PSOE para incorporar propostas do BNG nas ordenanzas fiscais de 2020

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo unha reunión para a negociación das ordenanzas fiscais co portavoz municipal do PSOE, Gumersindo Guinarte, e coa concelleira de Facenda, Marta Abal, onde manifestaron a “boa vontade e receptividade” para incorporar propostas do BNG, entre elas a negociación coa Igrexa para cobrarlle o IBI nas propiedades de uso hostaleiro e comercial, para alén de pisos, fincas e garaxes.

Entre os temas que puxo sobre a mesa para a negociación está o programa de pagamento de impostos á carta, para que cada persoa poida escoller a modalidade do pago fraccionado en até 12 meses para aliviar as economías domésticas.

Un dos puntos para incrementar a recadación é a necesidade de cobrarlles ás empresas eléctricas e de gasodutos polo uso do solo de dominio público, a raíz dunha iniciativa aprobada por unanimidade en xaneiro de 2017 no Pleno que aínda non se aplicou. Esta é unha das novas fontes de ingresos que propón o BNG, en troques de subir a recadación por multas, para que estas grandes empresas paguen o que lle corresponde, explicou.

A outra fonte de ingresos que se pode incrementar é o cobro do IBI á Igrexa por aqueles inmóbeis que non están destinados a culto nin teñen funcións sociais, educativas nin sanitarias. O propio Papa recoñeceu publicamente que a Igrexa debe pagar impostos por estes espazos que non están incluídos no Concordato co Vaticano, como xa acontece en Italia. Para iso, o BNG propón abrir unha negociación co arcebispado para que comecen a pagar o IBI polos estabelecementos de uso turístico e comercial, que supoñen unha competencia desleal co sector, para alén de numerosos pisos, garaxes e leiras. Deste xeito, o BNG realizou unha pregunta por escrito para coñecer o inventario actualizado de bens da Igrexa e os usos destas propiedades.

Entre a proposta de bonificacións que trasladou o BNG están as relacionadas con colectivos sensíbeis como persoas desempregadas de longa duración e familias monoparentais, ademais de aplicar a redución do IBI ao 95% nas vivendas de protección social.

 

Goretti Sanmartín destaca a “boa vontade” do PSOE para incorporar propostas do BNG nas ordenanzas fiscais de 2020