ORZAMENTOS
Goretti Sanmartín destaca que a primeira reunión sobre Orzamentos “chega tarde porque non se cumpriron os acordos dos anteriores”
“A lealdade institucional consiste no respecto co que se negocia cos distintos grupos”
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2018.- A portavoz nacionalista en Raxoi, Goretti Sanmartín Rei, a preguntas de xornalistas, destacou que acudiron á reunión co Goberno local “con intención de escoitar, mais non imos falar nada do orzamento de 2019 antes de que se cumpra o acordado co BNG nos Orzamentos de 2018 e 2017”.
“Lamentamos que este primeiro encontro se produza tan tarde, pois parece que hai un borrador desde hai meses e a mediados de setembro é tarde para poder chegar a tempo para a súa aprobación en prazo, antes de final de ano”, explicou.
Sinalou tamén acudiron á reunión “coa intención de escoitar, mais non imos falar nada do orzamento de 2019 antes de que se cumpra o acordado co BNG nos Orzamentos de 2018 e 2017, pois hai moitas cousas que aínda están sen cumprir e niso consiste a lealdade institucional, o respecto co que se negocia cos distintos grupos”.
“O que non ten sentido é que ano tras ano haxa estes incumprimentos, xa que buscamos melloras para a veciñanza”, sinalou, pois non se realizou o aparcamento para o campus sur, a renovación da cuberta da piscina do Sar, o parque das Hortas, a inspección para servizos externalizados, o plan piloto para actividades extraescolares e de conciliación, puxo como exemplos.
O BNG sempre actuou cunha premisa de buscar o mellor para a veciñanza de Santiago de Compostela, “porque non nos movemos por intereses electoralistas mais segundo pasa o tempo, o grao de credibilidade deste Goberno é menor pola moi baixa execución dos Orzamentos onde non se inclúen aquelas cuestións que estaban nas negociacións”, afirmou.