PLENO
Goretti Sanmartín destaca que o PSOE e CA apoian no Pleno a proposta do BNG para impedir para que o Goberno do Estado incaute 12 millóns de euros dos Orzamentos municipais
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020.- O grupo municipal do BNG trasladou unha moción ao Pleno ordinario de xullo para derrogar a denominada “Lei Montoro” e o posíbel acordo entre o Goberno do Estado e a FEMP para a incautación de remanentes de tesouraría dos concellos co obxectivo de poder usar eses fondos económicos propios, estimados en 12 millóns de euros, para necesidades urxentes da veciñanza de Santiago de Compostela. Na moción inclúese a interlocución directa coa FEGAMP por parte do Goberno central como representante dos concellos galegos. Apróbase cos votos do BNG, PSOE e CA; o PP vota en contra.
Ademais, o BNG defendeu unha proposición para que o Concello de Santiago realice as xestións necesarias coa dirección dos centros escolares para que se habiliten novos espazos para o servizo de comedor escolar e actividades complementarias, derivadas das necesidades de prevención da covid-19, co obxectivo de que se manteña, como mínimo, o mesmo número de nenos e nenas usuarias que no curso anterior, ademais de velar para que non supoña un incremento no custe para as familias usuarias. Ao abeiro desta iniciativa interveu no Pleno Esther Martínez, en representación das ANPA de Compostela. BNG e CA votan a favor da proposición do BNG sobre os comedores, o PP vota en contra e o PSOE abstense. Queda rexeitada.
Unha das mocións foi destinada a que o Concello de Santiago de Compostela realice as xestións necesarias e incluír nos Orzamentos de 2021 a consignación para as obras do proxecto de reurbanización da praza da Paz a San Roque, no final da fase entre a praza da Paz e Os Basquiños. Este proxecto vai encamiñado a conseguir unha contorna humanizada, con incremento da seguranza viaria e peonil, ademais da mellora estética e urbana. Apróbase a moción cos votos a favor do BNG e CA; PSOE e PP abstéñense.
Con outra moción, o BNG propuxo que se realicen as xestións necesarias e se inclúa nos Orzamentos de 2021 a consignación para executar as obras de reurbanización da rúa de Sar, até a Calzada do Sar, co fin de lle dar continuidade á actuación realizada en Patio de Madres e Castrón Douro. Con estas obras pódese equilibrar os espazos destinados a tránsito peonil e tráfico rodado, ademais de suprimir barreiras arquitectónicas, complementar instalacións de servizos básicos e xerar espazos de descanso para uso público. Apróbase a moción cos votos a favor de BNG e CA, abstencións de PSOE e PP.
Ademais, aprobusese por unanimidade unha moción conxunta para instar a Xunta a revisar e mellorar as políticas públicas de aplicación na Lei de Dependencia.
En canto aos incendios forestais, o BNG defendeu que o Concello de Santiago adopte todas as medidas necesarias, tanto no ámbito normativo como no práctico, para a prevención dos incendios forestais que ocasionan unha perda de produtividade, contaminación e riscos ambientais e sociais para a veciñanza. Propuxo tamén elaborar unha campaña de concienciación sobre os danos que causan e o xeito de previr os incendios forestais. Apróbase a moción cos votos a favor de BNG, CA e PP. O PSOE abstense.
Mediante un rogo, o BNG reclamou o arranxo ou substitución de marquesiñas de autobús deterioradas no rural tanto pola vexetación que invade o seu acceso como polas cubertas rotas polas que se filtra a auga cando chove, ademais de non dispoñeren da zona do banco en boas condicións para sentar nos tempos de espera polo transporte público.
Outro rogo foi destinado para a anulación temporal do sistema de premer nos botóns de semáforos e aparcadoiros como medida preventiva de contaxio da covid-19, así como nas peaxes das autoestradas, para reducir ou evitar o contacto con superficies en lugares de uso frecuente por persoas de orixe diversa e que non pertencen ao mesmo núcleo de convivencia.
O BNG reclamou ademais as xestións necesarias, en colaboración co Goberno galego, para ofrecer unha alternativa de aloxamento ás persoas en risco de vulnerabilidade que dormen na rúa en Santiago de Compostela, nunha situación que se agrava durante a actual fase de seguimento sanitario da pandemia da covid-19.
No apartado de preguntas orais, o BNG trasladou a súa oposición á posíbel externalización da xestión do Refuxio de Animais e quixo coñecer que previsións ten o Goberno local nese sentido e para adoptar algún tipo de medida para incrementar os seus ingresos.
Ademais, o Goberno local ten pendente a convocatoria dos consellos de participación cidadá que aínda non se reuniron no que vai de mandato municipal. En novembro de 2019 o BNG xa trasladara ao Pleno esta petición para que se convocasen, antes de final dese ano, a comezar polos Saúde e Educación, para implicar a veciñanza e colectivos nas decisións e nos criterios de actuación nos ámbitos de referencia para Santiago de Compostela. Logo desta petición, o Goberno local comprometérase a convocalos no primeiro cuadrimestre de 2020, mais transcorreu un ano desde o inicio deste mandato e aínda non están en funcionamento. Por estes motivos preguntou no Pleno cando ten previsto convocar o Goberno local os consellos de participación, a comezar polos de Saúde e de Educación. O Goberno local comprométese a convocar en setembro o de Consello municipal de Saúde e a iniciar a tramitación do de Educación tamén para setembro.
Outras preguntas foron sobre a data de inicio das obras pendentes na rúa do Valiño que xa estaban incluídas nos Orzamentos, sobre a necesidade dun protocolo de limpeza de patrimonio adecuado para que non cause dano na superficie de monumentos e edificios históricos, como aconteceu recentemente nas escaleiras de San Martiño Pinario; sobre a previsión para realizar un plan de reparación e conservación de beirarrúas para evitar problemas de seguranza viaria e manter en bo estado estes espazos públicos; e sobre a proposta dunha campaña informativa para visitantes, turistas e peregrinos/as co obxectivo de que adopten as medidas de prevención da covid-19, entre outras.