PERSOAL

O BNG empraza o alcalde a anular o acordo sobre o plus salarial aprobado sen informes nin diálogo co persoal municipal

BNG
BNG
Reclama do Goberno local unha negociación que conte cos sindicatos maioritarios e retome o diálogo
O BNG empraza o alcalde a anular o acordo sobre o plus salarial aprobado sen informes nin diálogo co persoal municipal

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, empraza o alcalde a anular o acordo sobre o plus salarial aprobado na Xunta de Goberno do pasado 22 de xullo e a retomar o diálogo cos sindicatos maioritarios para avanzar nos acordos na Mesa Xeral de Negociación. Expresou a súa total desconformidade co feito de aprobar este plus salarial de xeito unilateral en Xunta de Goberno sen contar cos sindicatos maioritarios.

“Preocúpanos a ruptura con aquilo que se negociou previamente porque, segundo os sindicatos, podería constituír unha desviación de poder e rematar nos Xulgados, algo que implicaría as persoas presentes na Xunta de Goberno, entre as que non estaba o alcalde”, destacou.

O Goberno local eludiu a representación sindical para outorgar pluses salariais a policías e bombeiros, en termos non democráticos, mediante un acordo da Xunta de Goberno cun expediente inacabado que non contaba informes xurídicos nin de Intervención, cando outros temas nin se tramitan con esa celeridade nin se levan a órganos de Goberno mentres non está totalmente rematado o procedemento. Este plus salarial supón un pagamento en domingos e festivos que xa está incluído como complemento diferencial desde 1991.

“Solicitamos que o alcalde volva ao diálogo con representantes dos sindicatos maioritarios e non asine acordos unilaterais en Xunta de Goberno sen consenso con traballadores e traballadoras”, afirmou Goretti Sanmartín.

Ademais, propón que o Concello de Santiago aproveite o modelo de contratación de auxiliares de policías subvencionado pola Xunta para a tempada de verán e pola creación de listas de agarda para bombeiros en vez de recorrer a facer horas extras que supoñen unha gran carga para o Orzamento municipal no Capítulo de Persoal. Porén, a Oficina de Emprego, que depende directamente da Alcaldía prefire pagar 1,3 millóns en horas extras en vez da contratación de até 40 persoas a maiores se utilizase este procedemento.

O BNG empraza o alcalde a anular o acordo sobre o plus salarial aprobado sen informes nin diálogo co persoal municipal