PLENO

O Goberno do PSOE non se compromete coas peticións da veciñanza

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
O BNG esixe que se inclúan nos Orzamentos as iniciativas aprobadas no Pleno
O Goberno do PSOE non se compromete coas peticións da veciñanza

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, destacou a falta de compromiso deste Goberno coa veciñanza ao non realizar os acordos aprobados en Pleno. Reclamou un proceso participativo na elaboración dos Orzamentos para incluír os acordos aprobados.

Goretti Sanmartín referiuse, en rolda de prensa, a cuestións relevantes como a oposición do PSOE á reclamación da débeda polo Estatuto de Capitalidade, que tivo o voto en contra de Bugallo no Pleno de xullo de 2019 a unha proposta do BNG para solicitar da Xunta ese incremento necesario “nunha submisión absoluta a Feijóo, que dá uns froitos ridículos e insuficientes, cunha suba de 60.000 euros (3%) cando tiña que alcanzar 5,5 millóns de euros como mínimo e quedou en 2.392.000 euros”. Cuestionou, así, o procedemento do alcalde cando afirmou “que non era tema para levar a Pleno e que as negociacións se facían doutra maneira e agora vemos os resultados”.

A estratexia da abstención do PSOE é unha falta de compromiso coa veciñanza

Ao BNG preocúpalle que o grupo de Goberno “estea a utilizar a estratexia da abstención en cantidade de cuestións que son fundamentais para a cidade como elemento de non comprometerse e non asumir acordos”. Iso significa “unha falta de compromiso cos intereses da veciñanza que moitas veces vehiculizamos os grupos da oposición”, coa idea de valerse desa abstención para iren por libre en vez de faceren fronte común cando son un goberno en minoría e para teren as mans libres para non cumprir o que se aproba.

Para alén das iniciativas en que o PSOE vota en contra, hai outras en que se abstén de maneira sistemática e, desde a súa perspectiva, significa que non as van realizar pese a estaren aprobadas e seren demandas veciñais. En xullo de 2019, o PSOE abstívose en 8 iniciativas e en xullo de 2020 en 7 iniciativas, unha estratexia coa que non asumen determinados acordos.

Lembrou algunhas delas e reclama que se inclúan nos Orzamentos como a reurbanización da avenida de Salamanca, Ultreia e Coimbra; a recuperación do patrimonio natural da Lavacolla que trasladou ao BNG a asociación cultural Ruta Xacobea; o plan de continuidade das obras dos Basquiños até a praza da Paz ou da remodelación de Sar desde Curros Enríquez. Ademais destas que atinxen a barrios, hai outras como o Plan de Revitalización Cultural que foi aprobado por todas as forzas políticas coa abstención do PSOE e continúan meses despois sen desenvolverse ou o Plan de Prevención de Incendios aprobado no último Pleno. “O mesmo aconteceu con propostas de CA como a recuperación ambiental do Sar ou o centro cívico da Cidade Histórica ou do PP sobre o apoio ao Consorcio nos Orzamentos do Estado ou as axudas a Área Central, que foron tamén apoiadas polo BNG e saíron adiante, mais quedan en dúbida de se o Goberno as vai executar ou non”, engadiu.

Destacou tamén o “abstencionismo do PSOE” nas comisións formadas a partir do Comité Socioeconómico de Crise, “as mesas de traballo que tratan temas como a cohesión territorial, social e económica e ás que o grupo de Goberno se permitiu o luxo non ir a varias delas; unha maneira de poñerse de perfil e de non asumir algúns acordos”, advertiu.

Inclusión dun punto no Pleno para o control das iniciativas aprobadas

Ademais, Goretti Sanmartín reclama que se inclúa na orde do día do próximo Pleno un punto sobre o traballo desenvolvido respecto sobre as iniciativas aprobadas, tal como foi aprobado. Isto é froito dunha proposición do BNG aprobada en febreiro de 2020 que aínda non se implementou, co fin de garantir a transparencia, o control e o seguimento das propostas.

Orzamentos con participación, consenso e inclusión de acordos plenarios

Sobre os Orzamentos, reclama un proceso realmente participativo de elaboración, tendo en conta que se trata “dun Goberno en minoría e máxime cando vai haber incautación dos remanentes do Concello por parte do Estado e que estamos nunha etapa de emerxencia social e económica”.

“Cos problemas que hai a nivel social nesta crise económica é terríbel que os concellos non poidan usar eses fondos para as necesidades locais”, afirmou. Por iso os Orzamentos de 2021 deben ser “máis consensuados que nunca, contar coa participación dos outros grupos e incluír as propostas aprobadas en Pleno por maioría”.

Reclamou, deste xeito, que se faga “un proceso participativo e non rutineiro para a elaboración dos Orzamentos”.

O Goberno do PSOE non se compromete coas peticións da veciñanza