ADMINISTRACIÓNS

Goretti Sanmartín insta o alcalde “a deixar de comportarse como delegado da Xunta no Concello” e a reclamar a ampliación do Conservatorio, da Escola de Idiomas e o centro de día das Fontiñas

Visita ao Conservatorio
Visita ao Conservatorio

“O alcalde cede parcelas á Xunta de Galiza sen ter en conta os intereses da cidade e sen existir unha planificación”, advirte

Goretti Sanmartín insta o alcalde “a deixar de comportarse como delegado da Xunta no Concello” e a reclamar a ampliación do Conservatorio, da Escola de Idiomas e o centro de día das Fontiñas

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, ao fío do conflito xurdido nas Fontiñas sobre a cesión dunha parcela para a construción do Imelga en zona residencial, reclamoulle ao alcalde que, “dunha vez por todas, deixe de comportarse como delegado da Xunta no Concello en vez de colaborar entre administracións” e demandou unha colaboración “mutua e recíproca, porque está deixando parcelas á Xunta de Galiza sen ter en conta os intereses da cidade e sen existir unha planificación”.

Referiuse así á situación xerada sobre a cesión dun terreo do Concello á Xunta para a construción do Imelga, “que nos parece ben que se estabeleza en Santiago, mais non nun barrio como as Fontiñas moi poboado e con moitas persoas maiores”. Neste barrio quedan libres, fóra de zona verde, dúas parcelas municipais, unha onde está aprobado que sexa para un centro de día, onde inicialmente se ía construír a residencia de maiores que se trasladou o proxecto ao Castiñeiriño; e outra é a que pretende ceder para o Imelga coa oposición da veciñanza, cando existen outros lugares no concello de Santiago máis idóneos para esta instalación.

“En vez de defender os intereses da veciñanza e de colaborar entre administracións, simplemente, con traizón e aleivosía, o alcalde ten un total sometemento á Xunta de Galiza para a escolla da parcela para o Imelga”, advertiu, “sen ter en conta outras necesidades como a ampliación do Conservatorio e da Escola Oficial de Idiomas”.

Goretti Sanmartín realizou estas declaracións durante a visita ao Conservatorio Profesional de Música, xunto coa portavoz parlamentar Ana Pontón e a deputada Mercedes Queixas. Así, explicou que en 2011 foi aprobada unha moción por unanimidade para instar a Xunta a realizar as obras necesarias de ampliación do Conservatorio na parcela anexa que lle cedeu o Concello “e non pode ser que, unha década despois, continúe a negarse”.

Cando se inaugurou en 2004, creáronse unhas instalacións para atender 250 alumnos e alumnas. Na actualidade a matrícula duplica a capacidade e mesmo queda xente en listaxe de agarda. Ademais, coa ampliación poderíanse incrementar especialidades de música tradicional, como gaita, e incluír tamén na programación acordeón, órgano e percusión tradicional, nas que se ten detectada demanda e, na actualidade, non se poden ofrecer por falta de capacidade e de profesorado especializado.

Goretti Sanmartín insta o alcalde “a deixar de comportarse como delegado da Xunta no Concello” e a reclamar a ampliación do Conservatorio, da Escola de Idiomas e o centro de día das Fontiñas