ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín mantivo un encontro coa veciñanza de Villestro onde analizaron a situación da parcelaria do monte, a falta de saneamento, as frecuencias de autobuses e as obras de ampliación da estrada de Roxos a Reboredo
Na rolda de contactos con entidades veciñais
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, reuniuse coa directiva da Unión de Villestro onde explicou os avances conseguidos ao abeiro dunha iniciativa presentada no Concello e no Parlamento sobre a concentración parcelaria de Villestro-Figueiras. Comentou tamén que no vindeiro Pleno da Deputación se aprobarán as obras de mellora na estrada de Roxos a Reboredo.
Este encontro, en que tamén participaron Lois Calvelo, Pilar Lueiro e Xosé Quintáns, membros da candidatura do BNG, serviu para intercambiar propostas para o programa electoral, ademais de facerlle seguimento a proxectos pendentes nesta parroquia.
Goretti Sanmartín referiuse á concentración parcelaria do monte, a última pendente en Santiago de Compostela, cunha demora de 27 anos da Xunta que lle afecta a 1.200 persoas propietarias con 14.000 parcelas que están en zona de alto risco de incendio por falta de ordenación e que, após os acordos no Pleno municipal e no Parlamento galego, axilizará os trámites para a entrega de títulos de propiedade.
Destacou tamén que no Pleno da Deputación de marzo se aprobarán as obras de ampliación e mellora do trazado da estrada DP- 7802 de Roxos a Reboredo, valoradas en máis de 1 millón de euros e que van permitir incrementar o ancho da calzada a 7 metros e 1 metro máis para beirarrúas, co obxectivo de gañar seguranza viaria. Esta primeira fase será entre o punto quilométrico 0 e o 2.630, o que servirá para iniciar os traballos para cumprir unha reivindicación histórica da veciñanza desta parroquia.
O BNG interesouse “pola situación da falta de saneamento, que debe ser unha prioridade para o Goberno municipal que saia despois do 26M”, explicou, “para reparar esta falta de servizos básicos en determinados núcleos de poboación de Compostela”. Neste sentido, Goretti Sanmartín comprometeuse “a buscar nas administracións da Xunta e do Estado, ou mediante fondos europeos, o financiamento necesario para executar estas obras de saneamento e abastecemento tan necesarias, ademais de estabelecer prioridades nunha planificación plurianual para os puntos que aínda carecen destes servizos”.
Outro dos temas da reunión foi para analizar as deficiencias que presenta o actual transporte público colectivo, “se queremos mellorar a mobilidade, temos que dotar de máis de frecuencias de autobús as conexións con Villestro e adecuar os horarios ás necesidades da veciñanza”, indicou. “O BNG comprométese a que en todo o ruralse garante que haxa, cando menos, dous servizos de transporte pola mañá e outros dous pola tarde”, engadiu.