28M
Goretti Sanmartín: “É o momento do BNG e imos ter un resultado histórico en Santiago de Compostela”
Presentou as medidas para o primeiro ano de goberno despois do 28M co BNG na Alcaldía
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023.- A candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín presentou nun acto público as medidas para desenvolver no primeiro ano de goberno e os eixos da estrutura de goberno, nun acto en que asistiron integrantes da lista do BNG que concorre ás eleccións do vindeiro domingo 28 de marzo.
No decálogo de medidas, destacou que para fixar poboación na cidade histórica asinará un pacto para sumar todas as forzas, “para que sexa o corazón que late con forza, con vida, con veciñas e veciños”.
Como seguinte punto destacou a realización dun estudo para desenvolver as intervencións necesarias no camiño da accesibilidade universal.
Comprometeuse tamén a practicar “a escoita activa”, coa convocatoria de todos os consellos de participación cidadá e recepción das entidades e colectivos sociais.
En canto ao grave problema da vivenda, o BNG iniciará o proceso de rehabilitación e dinamización da vivenda baleira. “Concretamente, tomaremos a decisión sobre a parcela de Peleteiro apostando como primeira opción porque a SAREB ceda a parcela ao Concello para construír vivenda de protección oficial, para alén de dotacións culturais e deportivas e unha praza pública”, explicou, ademais das xestións para a adquisición de locais para vivenda en alugueiro social e comercios de interese público.
“Executaremos un plan de mantemento de barrios e parroquias con revisións dos pasos de peóns e medidas de seguranza viaria, fochancas e pavimento de estradas e beirarrúas”, afirmou.
“Fronte á etapa dos autobuses ardendo e un transporte colectivo lamentábel, adaptaremos o contrato de transporte ao novo PMUS, garantindo en calquera caso frecuencias regulares a todas as parroquias do rural, bus nocturno, frecuencias suficientes en fins de semana e festivos e autobuses que cheguen ás zonas elevadas dos barrios con dificultades de acceso”, explicou.
En materia educativa e de conciliación, destacou que avanzará cara a un novo modelo de comedores escolares. “De maneira inmediata, poremos en marcha un plan piloto en dous centros e ofertaremos actividades extraescolares aos centros educativos. Conseguiremos que os colecamiños sexan verdadeiros espazos seguros de mobilidade con implicación de diferentes axentes da cidade”.
Ademais, comprometeuse a iniciar os pasos para dotar Compostela dunha Factoría cultural e converter a nosa cidade na Plataforma de difusión da cultura galega.
No ámbito do deporte, o BNG impulsará no primeiro ano un plan de coordinación de uso das instalacións deportivas.
“Finalmente neste primeiro paquete de medidas, desde a preferencia pola xestión directa, obteremos os informes económicos e xurídicos co debido contraste para tomar unha decisión sobre o modelo de xestión da auga, como primeiro paso para un gran proxecto sobre a auga que incluirá o tratamento dos ríos e do patrimonio vinculado”, explicou a candidata.
Eixos da estrutura de goberno
Goretti Sanmartín avanzou tamén os eixos da estrutura de goberno que comezará tras as eleccións do 28M, en que destacou que a transversalidade de políticas feministas, de aposta polas diversidades (funcionais, de idade e de identidades), transparencia, accesibilidade, compromiso cos dereitos civís e de defensa da lingua, participación cidadá e modernización administrativa, que serán unha prioridade.
Así, referiuse ás cinco grandes áreas que conformará, relativas á Transformación urbana (cidade histórica, vivenda e urbanismo, mobilidade e obras ), Sustentabilidade ambiental e territorial (Medio -compostaxe, recollida e tratamento de residuos, xestión do ciclo da auga, emerxencia climática, loita contra os incendios-, barrios e cohesión territorial, rural e defensa dos dereitos dos animais), Capital cultural e proxección internacional (patrimonio, cultura, memoria, diversificación turística, centros socioculturais, relacións institucionais e turismo), Dinamización económica e innovación ( facenda, Persoal, creación de emprego, oficina de información de recursos e fondos, oficina de captación de fondos europeos, oficina de captación de investimentos industriais, portelo único e capital do comercio) e Coidado das persoas (deportes, saúde, servizos sociais, educación e conciliación).
“Temos proxecto, temos ganas e temos equipo para comezar a traballar desde o primeiro momento, por iso pedimos unha oportunidade, porque é o momento do BNG e imos ter un resultado histórico, polo que queda un último esforzo de mobilización e para facer un chamamento ás persoas indecisas para que nos dean un voto de confianza”, concluíu a candidata á Alcaldía do BNG.