28M

Goretti Sanmartín mantén un almorzo con máis de 25 empresarios/as para presentar as medidas de impulso económico para o 28M

Reunión con tecido empresarial e comercial
Reunión con tecido empresarial e comercial
Anuncia a creación das oficinas de captación de investimentos industriais e de captación de fondos europeos “para manter unha maior colaboración entre a iniciativa pública e privada”
Goretti Sanmartín mantén un almorzo con máis de 25 empresarios/as para presentar as medidas de impulso económico para o 28M

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023.- A candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín mantivo un encontro con máis de 25 empresarios/as da cidade para presentar as medidas de promoción económica que desenvolverá a partir do 28M.

“Queremos que a partir do 28M os sectores económicos máis dinámicos da cidade nos acompañen nun proceso de maior colaboración entre a iniciativa pública e privada”, afirmou en declaracións aos medios tras o almorzo que mantivo no Hotel Compostela co tecido empresarial e comercial compostelán. Neste evento participaron, ademais de Goretti Sanmartín, Míriam Louzao, Xesús Domíguez e Manuel César, membros da candidatura do BNG.

Así, destacou como eixos fundamentais para traballar desde a Alcaldía as medidas de impulso para “a diversificación económica e a non dependencia do turismo”, ademais de anunciar a creación da Oficina de captación de investimentos industriais e da Oficina de captación de fondos europeos.

É necesario cubrir os novos nichos de mercado para novo comercio e tamén que se apoie a dinamización das empresas xa consolidadas en Santiago de Compostela. Ademais, o BNG procurará unha aposta pola innovación e a investigación a través da Universidade de Santiago.

Para iso, coincidiron na necesidade de axilizar a tramitación administrativa, para conseguir que a administración electrónica funcione ben e para que se pague en tempo en forma deste o Concello ás empresas provedoras de servizos. “É fundamental incrementar o grao de execución do Concello”, indicou.

“Por parte do BNG, comprometémonos a ter como prioridade traballar pola diversificación económica, reducir a burocracia administrativa e crear as oficinas de captación de fondos europeos e de investimentos industriais, xunto cunha infraestrutura que levamos demandando moito tempo e que é necesaria para atraer novas empresas, como é a estación de mercadorías da Sionlla”, explicou a candidata.

Goretti Sanmartín mantén un almorzo con máis de 25 empresarios/as para presentar as medidas de impulso económico para o 28M