ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “É necesario dotar os barrios de espazos de lecer”
Mantivo unha reunión coa asociación veciñal do Meixonfrío
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro coa asociación veciñal de Meixonfrío, na Casa Agraria, onde se comprometeu a realizar as xestións necesarias para o acondicionamento dunha parcela de titularidade municipal de 11.000 m2 para usos múltiples, coa dotación de instalacións deportivas e sociais, ademais dun parque xerontoinfantil, de xeito que sirva para maiores e crianzas, como reclaman. Neste sentido, Goretti Sanmartín afirmou que é necesario dotar os barrios de Santiago de espazos de lecer.
Na xuntanza, en que tamén participaron Rubén Cela, Navia Rivas e Lois Calvelo, lembraron a petición formulada polo BNG no Pleno para que o Concello de Santiago asuma os gastos de mantemento do local veciñal, como acontece nos que son de titularidade municipal. “Nesta mesma situación están os de Aríns, Vista Alegre e o Eixo, o que supón unha diminución na capacidade económica destas asociacións que reclaman a igualación coas demais”, sinalou.
En canto á seguranza viaria, demandan a reurbanización, con beirarrúas e mellora na pavimentación, da rúa de Mallou e a abertura do viario entre a rúa da Nogueira e a rúa de Mallou. Ademais, faise necesario o acondicionamento de Forniños, pois carece de beirarrúas e canaletas, e o mesmo acontece no camiño dos Vilares e na rúa de Mallou de Abaixo (Cancelas-Amio) que precisan un plan de mantemento para evitar fochancas, arranxo de beirarrúas en mal estado e recuperación de lavadoiros e fontes abandonadas, que son patrimonio tradicional.
Na reunión advertiron tamén de carencias nos servizos de auga, recollida de lixo e mantemento de xardíns públicos, así como do estado deficiente dos autobuses. Así, Goretti Sanmartín explicou que “urxe un maior control das empresas concesionarias de servizos públicos para que cumpran os contratos co fin de manter en bo estado a flota de transporte de autobuses, as zonas verdes, o sistema de limpeza, a recollida de residuos e a rede de abastecemento de auga”.