PLENO
Goretti Sanmartín: “As obras de Sar deben recuperar o trazado orixinal, crear espazos de socialización e poñer en valor o barrio”
Aprobouse a proposición do BNG para recuperar o proxecto de 2014 para as obras de Castrón Douro e Sar
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín propuxo no Pleno de marzo que o Goberno local realice as xestións necesarias para corrixir os problemas de accesibilidade e de inundacións no proxecto das obras previstas en Castrón Douro, para alén de proceder á humanización de espazos de encontro e lecer, que poñan en valor edificios singulares na entrada en Compostela pola Vía da Prata. “As obras de Sar deben recuperar a cota do trazado orixinal, crear espazos de socialización e poñer en valor o barrio que dá entrada á Vía da Prata en Santiago de Compostela”, explicou.
“Esiximos que traballen a dúas mans: unha, solucionando os problemas máis urxentes, de fochancas e lousas levantadas, e outra iniciando o proceso de tramitación para que Telefónica desprace o prisma e buscar os recursos económicos que faltan”, explicou durante a súa intervención no Pleno. “Que agora digan que a veciñanza está a favor do actual proxecto non é certo”, advertiu, “e pedimos que busquen consenso e lle fagan caso á subcomisión técnica de Patrimonio para realizar ben esta obra co fin de que resolva os problemas de accesibilidade e recuperar o trazado orixinal”, engadiu.
A veciñanza de Sar está preocupada con este novo proxecto para esta fase das obras previstas en Castrón Douro e Sar. De feito, no proxecto de 2014 estaba recollida esa nivelación que reclaman e foi un compromiso político e do persoal técnico municipal trasladado á veciñanza para recuperar a cota do trazado antigo coas persoas propietarias que realizaron obras de rehabilitación en vivendas da zona.
Ese proxecto inicial melloraba substancialmente a humanización do espazo, creando unha praza pública e favorecendo lugares de encontro e socialización cun bo acceso aos inmóbeis. “É relevante que desde a Comisión de Patrimonio se estude esta zona como un espazo acaído como unha peza singular de fácil conversión nunha praza dotada dos elementos precisos para ser un lugar de encontro”, engadiu. Ademais, incidiu en que a Comisión de Patrimonio reunida o 7 e o 21 de marzo dixo por dúas veces que o proxecto orixinal era mellor.
Cómpre lembrar que en xullo 2020 se aprobou unha iniciativa do BNG para que o Goberno local realizase as xestións necesarias e incluíse nos Orzamentos de 2021 a consignación para executar as obras de reurbanización da rúa de Sar co fin de lle dar continuidade á actuación realizada en Patio de Madres e Castrón Douro. Porén, tres anos despois o Goberno local trae este proxecto modificado que non satisfai as necesidades da veciñanza e quere iniciar ás présas esta obra a dous meses das eleccións municipais, o que representa unha falta de democracia.
“Desde o BNG esiximos que se realice o que aprobaron 16 edís (BNG, CA, PP e concelleiro non adscrito) fronte a 8 abstencións do PSOE, pois é a maioría da Corporación, a Comisión de Patrimonio e a propia veciñanza quen esixen esa rectificación do alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo neste proceso de reurbanización de Sar”, indicou Goretti Sanmartín.