ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “O pacto de Ferusa polo rural é un dos puntos clave para os próximos catro anos co goberno do BNG”
Mellorar os servizos como abastecemento, saneamento, internet e transporte público no ámbito rural vai ser unha prioridade
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, e Xosé Quintáns, número 5 da lista, presentaron a asociacións e entidades do rural o programa destinado a conseguir mellores servizos, programación cultural e comunicacións adecuadas para as parroquias de Compostela. “O pacto de Ferusa polo rural é un dos puntos clave para os próximos catro anos co goberno do BNG”, afirmou Goretti Sanmartín.
No acto, organizado na Nave de Vidán, a candidata destacou que o programa do BNG vai encamiñado a ter un rural vivo e produtivo, que xere traballo e riqueza e onde as persoas teñan os mesmos dereitos e os mesmos servizos que as do centro urbano de Santiago.
"Despois do 26 de maio non haberá maiorías absolutas e o normal é que haxa pactos entre as forzas políticas”, sinalou a candidata. “O pacto de Ferusa polo rural é un dos puntos clave para os próximos catro anos co goberno do BNG; Santiago xógase moito coa escolla das persoas para que o desenvolvan”, afirmou.
Santiago ten que recuperar peso político e capacidade de financiamento doutras institucións e, para cumprir este pacto, un dos elementos fundamentais é que exista “diálogo e capacidade de negociación” coas administracións e coas propias asociacións, proseguiu. O BNG comprométese a buscar nas administracións da Xunta, do Estado e de Europa o financiamento necesario para dotar de saneamento e abastecemento os núcleos de faltan, co desenvolvemento dun plan realizado de acordo con Ferusa.
“Tamén queremos un concello áxil e eficiente á hora de dar licenzas para montar negocios, o BNG ten capacidade de xestión e ten claras as prioridades; por iso mellorar os servizos como abastecemento, saneamento, internet e transporte público no ámbito rural vai ser unha prioridade”, indicou a candidata.
Lembrou que a través do Plan Único da Deputación da Coruña se conseguiron fondos para a mellora do rural e o concello viuse beneficiado fronte outras cidades precisamente pola súa condición rural, explicou. As parroquias precisan mellora de servizos, comunicacións de calidade e programación cultural descentralizada, engadiu.
Pola súa parte, Xosé Quintáns sinalou que tamén é necesario estabelecer, “nos lugares estratéxicos de cada lugar os colectores de orgánico, de cartón, de plástico e de vidro para ordenar a recollida selectiva dos residuos”. É necesario colocar de maneira fixa os contedores, suxeitando todos aqueles que se localicen en pendentes e instalar contedores de máis capacidade, ademais de adaptar a recollida para que cando hai festivos entre semana non quede sen facer a recollida máis de dous días. Tamén é necesario realizar a limpeza viaria tal e como recolle o contrato da concesionaria, eliminación de vexetación nas beirarrúas.
“Outras medidas que realizará o BNG van destinadas a mellorar o transporte urbano, con dúas frecuencias pola mañá e pola tarde cara ao centro da cidade, e a instalación de marquesiñas”, destacou. “Dotar de sinalización os lugares que carecen, xunto cos centros de interese social e comunitarios”, é outro dos puntos do programa.
Tamén fixo referencia ao bonotaxi, en especial para persoas maiores e para visitas médicas, como medio de transporte para favorecer a comunicación no rural.
O BNG quere tamén dotar de depuradoras eficientes biolóxicas os pequenos núcleos de poboación que a orografía dificulte ou encareza moito a conexión do saneamento.