ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “Santiago é un diamante en bruto que imos transformar en modelo de concello BNG: inclusivo, integrador e vertebrado”
Na segunda parte da campaña seguirá a trasladar iniciativas en positivo e intensificará o contacto directo coa veciñanza
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou no balance do primeiro tramo de campaña a alta receptividade ás propostas do BNG “e o traballo moi positivo con importante presenza nos barrios e con numerosos encontros coa veciñanza e en debates para contrastar as medidas de cada formación política”. “Santiago é un diamante en bruto que imos transformar en modelo de concello BNG: inclusivo, integrador e vertebrado”, afirmou.
“Encontramos moi boas vibracións e enerxía positiva que nos traslada o conxunto da veciñanza, que considera que o BNG é un referente de saber facer e un modelo xa experimentado para transformar cidades e concellos deste país”, engadiu a candidata.
Na segunda semana de campaña, avanzou que o BNG vai intensificar a presenza na rúa e o contacto directo coa veciñanza de Compostela, “para seguir a trasladar a nosa mensaxe sempre en positivo para poñer de relevo as nosas propostas e iniciativas para facer de Santiago ese modelo de concello inclusivo, integrador e vertebrado, pensado para as persoas e que garanta os mesmos servizos e dereitos independentemente de onde residan”.
“Son medidas destinadas a conseguir un concello áxil e eficaz, que sexa visto como un elemento facilitador para a veciñanza para conseguir que as persoas que teñan dúbidas aposten polo BNG, por unha forza que nunca defrauda”. Recordou tamén o BNG é unha formación “traballadora e ten un compromiso desde hai moitos anos con esta cidade e ben merece unha oportunidade para que Santiago de Compostela, ese diamante en bruto con enormes potencialidade, poida pasar a ser un modelo dos concellos BNG”.