CONTRATACIÓN
Goretti Sanmartín, sobre o plan das empresas concesionarias: “Bugallo fai propaganda coa xestión ordinaria do Concello”
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, advirte de que coa presentación dun documento sobre a licitación de contratos de empresas concesionarias por valor de 800 millóns de euros “Bugallo quere vender como extraordinaria o que é xestión normal municipal e hipoteca o futuro do Concello sen ningún tipo de diálogo nin consenso coa oposición”.
Goretti Sanmartín anunciou que o BNG estará “vixiante do que acontece coa nova estación depuradora a respecto do contrato de augas, de que inclúa neses contratos temas cruciais para Santiago de Compostela como a planta de compostaxe e de que faga efectivo un sistema de control dos servizos das empresas concesionarias”.
Algúns destes contratos cun horizonte temporal a longo prazo hipotecan as futuras políticas municipais durante varios mandatos, o que vai dificultar adaptarse aos cambios sociais pois non é o mesmo un contrato da auga hoxe que dentro de 20 anos, explicou, cando pode haber outras tecnoloxías que melloren este servizo e non van estar incluídas no prego de contratación, ou mesmo limita a posibilidade de reverter para a xestión pública estes servizos. “Nin Santiago de Compostela vai ter a mesma poboación agora que dentro de 20 anos nin as mesmas necesidades, que non estarán recollidas no prego de condicións e logo non se lle poderán reclamar á empresa”, engadiu a portavoz do BNG.
Para o BNG é fundamental tamén o control dos servizos das empresas concesionarias, pois é frecuente que incumpran os pregos do contrato como acontece coa periodicidade da limpeza e reparación de colectores de residuos. “Comprobaremos que se inclúa no contrato de recollida de residuos o estudo para o proxecto da planta de compostaxe, un compromiso adquirido polo alcalde co BNG”, sinalou.
O BNG defende que antes de resolverse o contrato de abastecemento de auga e saneamento se saiba a planificación para a construción da estación depuradora, para o que cómpre axilizar os trámites. Propón que inclúa a ampliación da rede nos núcleos do rural, como se acordou no Pacto coa Ferusa, e que se incorpore un pagamento por consumo, pois o tramo mínimo é moi alto e propicia o malgasto de auga. O investimento a 25 anos que quere asinar o Goberno local vai ser moi cuantioso economicamente e nel debe constar a substitución progresiva das canalizacións revestidas con amianto, un material de alta toxicidade, tal como se aprobou en Pleno a raíz dunha iniciativa do BNG. Cómpre dicir tamén o PSOE frustrou a comisión para a remunicipalización do servizo da auga e que debería, cando menos, estudarse a posibilidade de rescatar esta concesión.
“Por outra parte, o BNG continúa vendo como un Goberno local en minoría pretende gobernar como se tivese maioría absoluta e, ante unha planificación a medio prazo que marca directrices xerais de xestión do Concello non ningún tipo de contraste coa oposición”, explicou Goretti Sanmartín.