LIMPEZA
O BNG demanda a retirada de residuos acumulados na rede viaria da parroquia da Peregrina
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020.- O grupo municipal do BNG de Santiago reclámalle ao Goberno local a recollida de residuos esparexidos nas marxes da rede viaria da parroquia da Peregrina que, cada semana, van en aumento.
O BNG recibiu queixas da veciñanza pola situación en que se encontran as beiras de diversas estradas da parroquia da Peregrina con botellas, latas, papeis e restos de envoltorios que acaban nas cunetas. En concreto, nos tramos da Peregrina cara a Sarela de Arriba e Trazo, de Aradas ao Bargo e a vía a Pardaces son algúns dos puntos que concentran gran cantidade de lixo.
Deste xeito, a concelleira do BNG Navia Rivas demanda “a retirada destes residuos alí acumulados e a instalación de sinais e papeleiras para facilitar que se depositen nos colectores adecuados, co obxectivo de frear estes malos hábitos”.
“Isto súmase á reivindicación do BNG de instalar colectores de recollida selectiva de residuos no rural e unha campaña de sensibilización sobre o seu uso, co fin de evitar que o lixo se acumule en pequenos vertedoiros incontrolados”, explicou.