IGUALDADE
Goretti Sanmartín promoverá un plan anual de actividades de conciliación a partir do próximo curso escolar
O BNG aposta pola igualdade e polo coidado das persoas con medidas transversais na actividade municipal dirixida ás familias
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023.- A candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín comprométese a desenvolver, a partir do vindeiro curso escolar, un programa de conciliación para que as familias teñan programadas actividades municipais para nenos e nenas durante todo o ano, como unha medida efectiva de fomento da igualdade. “Os programas de conciliación terán un antes e un despois do 28M co BNG na Alcaldía de Santiago de Compostela”, afirmou.
Goretti Sanmartín e Míriam Louzao anunciaron unha batería de medidas do programa de conciliación que o BNG porá en marcha cando chegue á Alcaldía, cunha clara aposta pola igualdade e polo coidado das persoas, para favorecer a compatibilidade de horarios laborais e familiares e fomentar a interxeracionalidade.
Entre os compromisos destacan a dotación de novos parques cubertos para xogar ao aire libre en verán e inverno, prezos reducidos para familias monoparentais nas actividades municipais e un trazado viario de camiños escolares para que o alumnado poida chegar andando aos colexios, coa implicación da veciñanza e co calmado do tráfico para favorecer a seguranza e os hábitos saudábeis na infancia.
“Estas iniciativas compleméntanse coa posta en marcha dun programa para mellorar o servizo dos comedores escolares, cun plan piloto con cociñas en dous centros de ensino como demanda a comunidade educativa para que conten con produtos de proximidade, que aposten pola alimentación saudábel e garantan o acceso universal”, explicou Goretti Sanmartín.
Cando o BNG chegue á Alcaldía traballará para a incorporación de cláusulas sociais na contratación pública; non só para contratar mulleres e reducir a fenda de xénero, tamén para fomentar que as empresas destaquen por desenvolver políticas a favor da igualdade e da conciliación, indicou.
Actividades extraescolares
Pola súa parte, Míriam Louzao anunciou que se organizarán actividades extraescolares en consenso coa Federación de asociacións de nais e pais de Compostela (FANPA) como medida para facerlle fronte á crise derivada da alza de prezos que repercute, de xeito especial, nas economías domésticas. Isto constituirá unha oportunidade para achegar as crianzas no tempo de lecer a contidos musicais, culturais e deportivos, que contribúan á súa formación integral dun xeito lúdico.
Estes espazos de actividades de conciliación e de extraescolares permitirán traballar de xeito específico con valores transversais no ámbito socioeducativo, que inclúen a protección da natureza, do patrimonio e o impulso á igualdade, xunto coa promoción do uso da lingua galega, da actividade física e da creatividade artística. Ademais, con esta iniciativa, o BNG pretende garantir o acceso de todas as persoas menores a este tipo de actividades ao adaptar o custo para as familias á súa situación socioeconómica cunha oferta de prezo en función da renda.