Goretti Sanmartín propón destinar 7,5 millóns dos Orzamentos municipais de 2021 a novas axudas para Comercio, Turismo, Hostalaría e Cultura

orzamentos
orzamentos

O BNG cuestiona a suba de 315.000 euros en subvencións nominativas sen convocatoria pública

Goretti Sanmartín propón destinar 7,5 millóns dos Orzamentos municipais de 2021 a novas axudas para Comercio, Turismo, Hostalaría e Cultura

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, advertiu en rolda de prensa que o borrador de Orzamentos municipais para 2021 “carece dunha planificación a medio prazo e dun ditame sobre as prioridades”. “Nun orzamento expansivo coma este, parécenos o mínimo compromiso dedicar 7,5 millóns de euros a novas axudas para o Comercio, o Turismo, a Hostalaría e a Cultura, o triplo do que está publicitando o alcalde”, sinalou.

Así, sinalou que na documentación achegada polo grupo de Goberno “falta transparentar moitas partidas e coñecer o que encerran detrás”, ademais de sinalar que “non responden a unha situación nova onde sitúen no centro das políticas as persoas, traballadoras/es, mulleres, mocidade, tecido social nin sectores especialmente afectados pola crise como comercio, hostalaría, cultura ou a comunidade educativa”.

Asegurou que o BNG celebra que haxa un orzamento expansivo e que o grupo de Goberno decida non restrinxir a capacidade de actuación municipal en tempos dunha profunda crise económica. “Teremos o orzamento máis elevado dos últimos anos: 125 millóns de euros, cunha proposta de investimentos de 18.118.394, 95 euros”, explicou. As posibilidades, pois, para chegar a sectores en crise e colectivos vulnerábeis ao tempo que atender as necesidades urxentes do Concello deberan ser moitas, engadiu. Así, lembrou que se pasa dos 102 millóns de 2015 aos 125 de 2021, practicamente unha suba do 25% en 6 anos.

“Desde o BNG pediamos que a realización deste orzamento non fose rutineira, que non aparecesen, fóra daqueles gastos fixos e estruturais que loxicamente deban considerarse, as mesmas partidas de sempre, cunha cantidade algo maior ou algo menor”, sinalou. Así, cando reclama “ter un orzamento a tempo” era para que se puidese executar “ao longo de todo o ano, porque moito nos tememos que o que vai acontecer é que continuemos a non gastar 73 de cada 100 euros, como aconteceu en 2019 e probabelmente en 2020”. “A liquidación publicada polo de agora, con data de 30 de setembro de 2020, di que levabamos gastado no capítulo VI de Investimentos nese momento un 8,77%”, dixo.

Sen participación veciñal: só comunicación unidireccional

A intención do BNG era “que se basease nas necesidades da veciñanza, algo para o que é fundamental que sexa participado”. Moi ao contrario, non se trata dun orzamento novo, realizado sobre a base de axudar os sectores económicos máis afectados pola crise. “Non houbo un traballo previo de determinación de prioridades, nin convocando os consellos de participación cidadá nin os grupos políticos, a que non se chegou a solicitar propostas, posto que non hai diálogo multi nin bidireccional, só comunicación unidireccional á forza”, sinalou.

“Nun orzamento expansivo coma este, parécenos o mínimo compromiso dedicar 7,5 millóns de euros a novas axudas para o Comercio, o Turismo, a Hostalaría e a Cultura, o triplo do que está publicitando o alcalde”, sinalou. Estes 7,5 millóns de euros gardan unha porcentaxe similar á utilizada nos remanentes de 2019. De 8 millóns decidiron dedicarse 3,5 a estas axudas, algo máis do 40%. Pois neste caso, xa só contando os 18 millóns que hai para investimentos, a porcentaxe de algo máis do 40% daría eses 7,5 millóns de euros, explicou. “Mais lembremos que faltan os remanentes de 2020 e que deses 7,5 millóns máis de 2.000.000 serían o millón da Deputación e o algo máis dun millón do Concello que quedaron sen gastar en 2020”, engadiu.

“Propomos, por tanto, que exista un compromiso de que sexan 5 millóns novos mais os 2 millóns que quedaron sen gastar de 2020”, explicou. Estas axudas precisarían, claro está, de considerar o orzamento de 2021 e os remanentes de 2020 como un todo, un feito que tendo en conta a altura de ano en que se van aprobar os orzamentos é posíbel, porque os remanentes están aí e xa deberan coñecerse publicamente.

Propostas excluídas

Hai unha serie de cuestións que o BNG trasladou para se incluíren ou teren en conta na negociación dos orzamentos de 2020 que non aparecen reflectidas. Algunhas infraestruturas e obras merecen cando menos un estudo para a captación de recursos, como a construción dun aparcadoiro no Campus Sur, a realización do proxecto de aparcadoiro soterrado de Belvís ou a redacción dun proxecto para instalar unha planta de compostaxe comarcal que pode supor 150 postos de traballo.

O BNG reclama tamén que se inclúa o Servizo de control e seguimento de contratos externalizados e o impulso da iniciativa do BNG, aprobada por unanimidade no Pleno, de apoio ás familias en situación de monoparentalidade; ademais de mudanzas na fiscalidade, de tal maneira que exista unha política redistributiva, onde pague máis quen máis ten, onde paguen as eléctricas por uso de dominio público, como se comprometeron e tamén se aprobou por unanimidade no pleno a instancias do BNG, onde os colectivos máis vulnerábeis teñan importantes bonificacións, entre outros.

Sen compromisos co rural

Tampouco recollen estes Orzamentos o cumprimento dos compromisos co rural en dotacións de saneamento e abastecemento nin o plan de mellora e accesibilidade do barrio da Estila, nin o plan de mellora do barrio das Fontiñas tamén aprobado no Pleno. Quedan pendentes os parques cubertos no Castiñeiriño e nas Fontiñas, un compromiso dos orzamentos participativos sen realizar a día de hoxe.

“Especialmente significativo nos parece o feito de que as sancións de tráfico supoñan o 2,3% do total dos ingresos correntes, unha cantidade moi elevada, que indica con clareza que a instalación de radares é política recadatoria municipal”, advertiu.

Goretti Sanmartín destacou ademais que é necesario apostar por unha política de captación de recursos, “como a que nós puxemos enriba da mesa co Estatuto de Capitalidade e o Consorcio e a que o PSOE se opón”.

Subidas e baixadas significativas

En canto ás subidas e baixadas significativas, destacou a elevada partida da Alcaldía de Reunións, conferencias e cursos dotada con 78.853,42 euros; partidas da Alcaldía de 190.000 de Publicidade e propaganda; partida da Alcaldía de 440.000 en Comunicación e relacións institucionais; baixada en Comercio, de 157.000 a 93.000; baixada en Educación, cando hai inxentes necesidades que cubrir e cando este goberno se dedicou a eliminar o carácter universal do servizo de comedor e a duplicar o custo das actividades de conciliación. “Desde o BNG propuxemos un plan de apoio aos centros educativos polas necesidades COVID que este goberno se negou a asumir e mesmo baixan a cantidade destinada a mantemento, conservación e reparación de escolas infantís, que pasan de 20.000 euros á ridícula cantidade de 5000”, afirmou.

Tamén se detectan baixadas en Normalización Lingüística, en Mocidade e practicamente o mesmo orzamento para Igualdade, “como se a aposta pola loita contra a precariedade e pobrezas femininas non precisase unha axuda especial en momentos en que as mulleres están pagando de maneira moi intensa a crise”. Tampouco se inclúe a proposta do BNG de realizar os Orzamentos con impacto de xénero, onde cada área teña en conta esa perspectiva de xeito transversal.

Ademais faltan compromisos unánimes en Deportes, como o proxecto, aínda que nun grao menor do inicial, xa falado tamén coa Deputación da Coruña no anterior mandato, da Cidade da Raqueta. Experiméntase tamén o incremento  das subvencións nominativas en 315.000 euros (19%), unido ao 6,6% que subiron en 2019, dá un aumento moi grande de subvencións a dedo que incumpren o criterio de seren esporádicas. Así, destacou a necesidade de transparentar isto, cando menos, nunha liña dirixida ás entidades sociais.

Goretti Sanmartín propón destinar 7,5 millóns dos Orzamentos municipais de 2021 a novas axudas para Comercio, Turismo, Hostalaría e Cultura