O BNG insta a convocar o Consello municipal de Educación para modificar o mapa escolar esolucionar o conflito do IES Lamas de Abade
A decisión do traslado do IES Lamas de Abade afecta a outros centros que van ver un incremento de alumnado cando xa están saturados
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, solicitou a convocatoria urxente do Consello municipal de Educación para tratar, entre outros, a necesidade de modificar o mapa escolar e atender o problema suscitado no IES Lamas de Abade e o traslado do alumnado e profesorado ao centro do Sar.
“Non pode pasar un momento máis para reunir este organismo cando xa houbo moitos problemas relacionados cos comedores e actividades de conciliación que deberon abordarse nese marco”, advertiu Goretti Sanmartín, “e cando é necesario realizar unha modificación do mapa escolar e solucionar a problemática actual sobre a intención da Xunta da supresión do IES de Lamas de Abade”, posto que esta decisión afecta ao conxunto da comunidade educativa do concello de Santiago e a outros centros que van ver un incremento de alumnado cando xa están saturados.
Así, emprazou o concelleiro de Educación, Rubén Prol, a convocar o Consello municipal de Educación para adoptar solucións “de maneira consensuada, colaborada e participada”. “Non é só unha mágoa, é unha irresponsabilidade non convocar o Consello municipal de Educación nestes momentos con carácter extraordinario e urxente”, indicou.