O BNG traslada ao Pleno de Santiago a reclamación da rebaixa das peaxes e a transferencia da AP-9 a Galiza
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, defenderá no Pleno de febreiro unha moción para instar o Goberno do Estado a facer efectiva de xeito inmediato a rebaixa das peaxes da AP-9. Na mesma iniciativa reclamará que o Concello de Santiago inste a Mesa do Congreso e as forzas políticas con representación nesa institución a aprobar definitivamente a lei de Transferencia da AP-9 a Galiza no actual período de sesións. “Esta peaxe abusiva é un verdadeiro lastre para a economía das persoas e das empresas de Santiago de Compostela e do noso país”, sinalou Goretti Sanmartín.
A AP-9, a Autoestrada do Atlántico, é a principal arteria de comunicación de Galiza, unha vía estratéxica que cruza o país de norte a sur, articulando un territorio no que se asenta máis do 70% da poboación e a meirande parte da actividade económica do país. “A pesar da súa importancia estratéxica, esta infraestrutura ten unhas tarifas desorbitadas que teñen que soportar a diario arredor de 22.000 galegos e galegas”, recolle o texto da moción.
A historia da AP-9 é a crónica dunha discriminación con Galiza, que nos ten costado miles de millóns de euros en peaxes. Cómpre lembrar que a concesión desta autoestrada remataba en 2013, e que, se aínda temos que seguir pagando polo seu uso, é porque esta foi ampliada por parte dos distintos gobernos do Estado -dez anos polo Goberno de Felipe González en 1994 e 25 anos por parte do Goberno de José María Aznar en 2000-. A maiores, en 2003, o Goberno de Aznar vendería co beneplácito da Xunta -da que era conselleiro de Ordenación do Territorio, o actual presidente, Núñez Feixóo-, a autoestrada por un prezo ridículo.
Como consecuencia destas decisións políticas, hoxe Galiza conta non só cunha das autoestradas máis caras do Estado senón tamén coa concesión máis longa posíbel, 75 anos, até 2048. Así, mentres na Galiza pagamos as peaxes máis caras, a práctica totalidade das autoestradas do Estado ou son de balde ou o serán en breve. O que supón un forte impacto económico para as arcas de miles de traballadores e traballadoras e un lastre á competitividade das nosas empresas é, á súa vez, un suculento negocio para a empresa concesionaria, que en 2019 recadou 153 millóns de euros, uns 420.000 euros diarios.