DEPORTE
O BNG propón instalar carpas no parque de calistenia e skate para poder practicar estes deportes no inverno
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021.- O grupo municipal do BNG presentará unha iniciativa no Pleno de febreiro para cubrir, mediante carpas ou pérgolas, as zonas deportivas no parque de Trasparlamento co obxectivo de estender a práctica de calistenia e de skate nos meses de inverno.
En decembro de 2016 aprobouse no Pleno unha iniciativa do BNG para a creación de novas instalacións para a práctica de skateboard e patinaxe, así como o acondicionamento das existentes na praza da Constitución e no Restollal. Ao abeiro desta proposición, acondicionouse o espazo de Trasparlamento, de 8.300 metros cadrados, que se encontraba moi deteriorado e fixéronse novas pistas de skateboard, street workout e calistenia, co que espertou e medrou o interese nestas modalidades deportivas nos últimos anos.
Persoas usuarias destas pistas dirixíronse ao Goberno municipal, con solicitudes presentadas no Rexistro municipal, para reclamaren un sistema de cuberta desta área, ben mediante pérgolas ou carpas, co obxectivo de poder seguir a practicar estes adestramentos cando as condicións meteorolóxicas son adversas, pois tanto a chuvia como a calor imposibilitan que poidan darlle continuidade a esta afección durante varios meses ao ano. De feito, é unha peculiaridade destas modalidades de deportes urbanos, posto que noutros deportes en equipo ao aire libre non é preceptivo cubrir as instalacións para practicalos cando chove, venta ou vai moita calor.
En concreto, a práctica deportiva da calistenia, que é a que máis demanda ten para que se cubra a superficie onde están instalados os aparellos, segundo manifestan as persoas usuarias, foi das que máis incrementou a participación pois, en circunstancias normais, adestran entre 6 e 8 persoas en cada tramo horario, co que se favorecen hábitos saudábeis na mocidade vinculados ao deporte.
Tendo en conta as dificultades para adestrar en ximnasios por mor das medidas preventivas da pandemia da covid-19, de contar con estas carpas, aínda poderían atraer máis persoas usuarias e cubrir de xeito autoorganizado máis faixas horarias. Así, en Santiago de Compostela están a medrar estas disciplinas deportivas que permiten gran cantidade de movementos que favorecen a forza, a axilidade e a flexibilidade, ademais de favorecer un aumento da resistencia muscular e beneficios de tipos cardiovascular e articular, xunto co compoñente de socialización.