PLENO
Goretti Sanmartín propón medidas “para garantir a democracia e a participación social nas decisións municipais”
Insta a convocar os consellos municipais de Saúde, de Educación e do Rural
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2020.- A portavoz do grupo do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha batería de propostas para garantir a democracia e a participación social nas decisións do Concello de Santiago. Así, anunciou que o BNG trasladará unha proposición para que cree o Consello de Participación, Igualdade e Transparencia “para adoptar os mecanismos que garantan a participación de todos os grupos municipais e, sobre todo, do tecido asociativo e veciñal”.
O BNG presenta esta iniciativa logo de que transcorresen varios meses da acción de Goberno “que non quere facilitar o labor de oposición e non ten interese ningún en que haxa verdadeira participación do tecido asociativo de Compostela” e despois do manifestado en declaracións de que “aquelas mocións que o Goberno non vota a favor non se van levar adiante”, o que supón un baleirado do contido do Pleno.
Goretti Sanmartín reclama tamén que se convoquen os consellos de participación cidadá, de maneira inmediata, unha medida que o BNG xa trasladou ao Pleno de novembro de 2019 “porque aínda non se activaron neste mandato e hai colectivos que o requiren, como no ámbito sanitario e no educativo”. Deste xeito, urxiu a convocar o Consello Municipal de Saúde con temas pendentes de resolver como o local para persoas sen fogar e a análise da situación na área sanitaria ante unha nova mobilización social; o Consello Municipal de Educación, reclamado pola FANPA para tratar temas como os comedores escolares, o contrato da Escola Municipal de Música, as actividades extraescolares e de conciliación, entre outros; o Consello Municipal do Rural, nun momento en que se debate o Pacto polo Rural e a necesidade de acabar con esa discriminación histórica; o Consello Municipal das Persoas Maiores reivindicado pola Plataforma de Pensionistas e o Consello Municipal de Cultura.
“O normal é que estes consellos se estivesen reunindo nos meses pasados e agora mesmo para dar conta das propostas das áreas que cada concelleira e concelleiro vai incluír nestes Orzamentos de 2020”, advertiu. Desde o BNG deféndese que “estes consellos sectoriais deberían facer un informe preceptivo, aínda que non fose vinculante, deses orzamentos sectorializados para definir os investimentos e esa é a verdadeira participación”. Puxo como exemplo que “non ten lóxica que se decidan as obras para incluír no POS da Deputación sen pasar polo Consello do Rural e sen contar para nada coas asociacións do rural”.
Para avanzar en participación hai que render contas, afirmou, e así o BNG pide que se inclúa en cada Pleno un punto na orde do día para dar conta do seguimento das iniciativas postas en marcha e que fosen aprobadas con anterioridade. Outra das medidas é a apertura dun espazo web para facer seguimento aos asuntos aprobados no Pleno con data de aprobación, inicio do expediente e estado da tramitación para que calquera veciña ou veciño poida saber se unha moción foi aprobada e en qué situación administrativa está.
Aposta por recuperar a emisión por streaming da rolda de prensa da Xunta de Goberno “para coñecer de primeira man información de relevancia e os acordos aprobados”.
Fixo referencia tamén aos problemas de divulgación da axenda pública dalgúns concelleiros de Goberno que non aparecen no apartado de transparencia.
Outro dos puntos que reclamará o BNG é a posibilidade de asistir representantes dos grupos municipais como persoas observadoras ás mesas de contratación, “un aspecto que foi eliminado por un cambio normativo para participar con voto desde a oposición, mais que historicamente en Santiago de Compostela sempre se mantivera a opción de ir como persoas observadoras para facer seguimento”.