ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín propón melloras de accesibilidade para o transporte público
É necesaria a instalación de novas marquesiñas e de paneis coas liñas e frecuencias dos autobuses que teñan información máis clara
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2019.- O BNG ten entre as súas prioridades mellorar instalacións como marquesiñas, beirarrúas e paneis informativos, xunto coas frecuencias e confortabilidade dos autobuses, de cara a favorecer a accesibilidade e o uso de transporte público. Deste xeito, Goretti Sanmartín avanzou que o BNG, de ter responsabilidade no vindeiro Goberno local, vai planificar un programa de accesibilidade con rebaixes de beirarrúas nos pasos de peóns, pintado de novos pasos de peóns e instalacións de marquesiñas de autobús con información máis lexíbel.
“Queremos facer unha cidade onde a prioridade sexan as persoas, para iso queremos facilitar o uso de transporte público”, explicou. Neste sentido, afirmou que cómpre corrixir o deseño dos paneis informativos fixos, onde aparecen as frecuencias horarias, pois non teñen a claridade gráfica, luminosidade nin lexibilidade suficientes para persoas maiores nin para cando se fai de noite cedo no inverno, o que dificulta ou mesmo imposibilita saber as liñas ou tempos de agarda para ir dun lugar a outro no autobús urbano.
Para o BNG tamén é fundamental a nova instalación de marquesiñas no rural, a comezar polas que están pendentes nas paradas de transporte escolar que, ademais de servir para a protección do frío e da chuvia dos nenos e das nenas, tamén fan funcións de seguranza. Nalgúns casos é necesaria a revisión da localización das marquesiñas para que se correspondan coas actuais paradas de autobús e ofrezan un mellor servizo.
En canto ao funcionamento das pantallas electrónicas informativas dos autobuses, o BNG recibiu queixas de que non sempre están activadas e teñen constantes interrupcións co apagado das mesmas. Trátase dun servizo informativo para facilitar o uso do transporte público colectivo que, na práctica, non está operativo como debera por falta de supervisión.