PLENO

Goretti Sanmartín propón organizar residencias artísticas sobre Rosalía de Castro en Santiago de Compostela

Rosalía
Rosalía

Cómpre mudar a data do Día de Rosalía de Castro para o 23 de febreiro, como expoñen desde a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e a Fundación Rosalía de Castro, logo de que se atopase nova documentación que certifica esa data do seu nacemento en 1837

Goretti Sanmartín propón organizar residencias artísticas sobre Rosalía de Castro en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, proporá no Pleno mudar a data do Día de Rosalía de Castro para o 23 de febreiro e organizar un programa de intercambio de residencias artísticas co obxectivo de estimular a creatividade sobre esta escritora vinculada a Santiago de Compostela, defensora da lingua galega e dos dereitos das mulleres.

A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e a Fundación Rosalía de Castro nesta ocasión convocan a celebración do Día de Rosalía de Castro o 23 de febreiro, logo de que se atopase nova documentación que certifica esa data do seu nacemento en 1837 en vez do día 24 que era cando se conmemoraba a efeméride. Deste xeito, o Concello de Santiago tamén deberá desprazar as actividades previstas para esa data, para alén de organizar actividades durante todo o mes de febreiro.

Nesta edición, o BNG propón a convocatoria de residencias artísticas sobre Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, co obxectivo de dispor dun espazo para a produción destinado a atraer artistas (de artes pictóricas, do audiovisual, do mundo da música, da creación literaria…) doutros lugares para divulgar o coñecemento da súa obra, ademais de impulsar a dotación de  recursos, espazos e sinerxías con artistas e escritores/a locais para estimular a creatividade sobre a literatura, o pensamento e a acción da nosa escritora máis universal.

Estas estancias que se propoñen poden ser a xeito de intercambio, coa colaboración doutros lugares en que se organiza este modelo de programa, para favorecer o fluxo cultural das persoas creadoras compostelás ao mesmo tempo e con reciprocidade.

De se habilitaren espazos públicos, como murais, para que deixen o seu legado, Santiago de Compostela pode enriquecerse de obras dedicadas a Rosalía de Castro de persoas artistas destacadas e emerxentes de distinta procedencia. Para iso, é necesario dispor dun servizo de acompañamento para brindar o apoio necesario no proceso de investigación, creación, produción e exhibición das obras. En todo caso, o resultado final das intervencións difundirase publicamente.

 

Goretti Sanmartín propón organizar residencias artísticas sobre Rosalía de Castro en Santiago de Compostela