PLENO
O BNG propón designar co nome de Luz Fandiño a praciña da Ponte do Sar e organizar un acto este 8 de marzo para recoñecer a súa traxectoria
Esta poeta compostelá mantén o seu afán de transmitirlle á mocidade o compromiso en defensa da lingua galega, do feminismo e das liberdades sociais
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, defenderá no Pleno unha moción para designar co nome de Luz Fandiño a praciña da Ponte do Sar, ademais de facer un acto este 8 de marzo para recoñecer a súa traxectoria e celebrar o Día das mulleres, ademais de colaborar cos colectivos feministas na organización de eventos e mobilizacións que se convoquen.
Luz Fandiño é unha poeta e activista social que naceu en 1931 no barrio do Sar. Cumpriu xa, por tanto, os 90 anos de idade. Goza dun importante recoñecemento social, sobre todo entre a poboación máis nova, pola súa vitalidade e inconformismo. En 1952 emigrou a Arxentina e en 1964 a Francia, para retornar a Santiago de Compostela en 1979, despois da ditadura franquista.
Como escritora colabora en diversos medios, entre os que destaca a Radio Galega, en publicacións periódicas e tamén nas Redes Escarlata, Mulheres Trasgredindo e Mar de Tinta. É autora de obras como Espiñas e pensamentos, Faragulliña e O pracer de envellecer. Entre as obras colectivas destacan Xuro que nunca volverei pasar fame, 150 Cantares para Rosalía de Castro e Verbo na arria. Homenaxe literaria a Xohan Xesús González. Foi galardoada en 2018 coa distinción Mestres da Memoria, outorgada pola sección de literatura de tradición oral da AELG. En 2020 estreouse o filme “A poeta analfabeta”, dirixido por Sonia Méndez, sobre a súa actividade como escritora e compromiso coa xustiza social.
“Na actualidade mantén o seu afán de transmitirlles ás xeracións máis novas o compromiso en defensa da lingua galega, do feminismo e das liberdades sociais, pois é frecuente a súa participación en actos públicos e os seus alegatos en contra da inxustiza e a prol dos dereitos das mulleres”, explicou Goretti Sanmartín.
O BNG xa trasladou ao Pleno e á Comisión de Condecoracións a necesidade de designar con nomes de mulleres espazos públicos e rúas de Santiago de Compostela, co obxectivo de corrixir a desigualdade existente e fomentar a creación de referentes femininos. Entre eses nomes xa figuraba o da poeta Luz Fandiño.
Deste xeito, o grupo municipal nacionalista defendeu en diversas ocasións propostas de designación de rúas, parques, prazas e outros espazos públicos atendendo a criterios de nomes que deben axudar a construír unha conciencia social xusta, respectuosa cos dereitos humanos, con valores democráticos, da historia da cidade e de recoñecemento do pobo galego. Este é o caso que se pode exemplificar en Luz Fandiño, unha escritora e activista social, á que a institución municipal debe un recoñecemento.
Como activista feminista, desde o BNG proponse aproveitar as celebracións do 8 de marzo para realizar un acto público sobre a súa figura con raíces claramente compostelás e, así, contribuír a difundir a súa obra. Outro punto da iniciativa vai destinado a que o Concello de Santiago de Compostela colabore cos colectivos feministas na organización de actos e mobilizacións que se convoquen arredor da celebración do 8 de marzo.