PLENO

O BNG traslada ao Pleno as reivindicacións das traballadoras do SAF para a revisión do cumprimento do convenio

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O Concello de Santiago debe velar pola calidade deste servizo e para que se garanta que o persoal laboral dispoña de condicións de traballo dignas como corresponde cunha actividade esencial para o benestar de persoas maiores e dependentes en situación de especial vulnerabilidade

O BNG traslada ao Pleno as reivindicacións das traballadoras do SAF para a revisión do cumprimento do convenio

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2021.- O grupo municipal do BNG trasladará ao Pleno as reivindicacións das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para que o Goberno local revise o cumprimento por parte da empresa concesionaria o estipulado no convenio colectivo.

As traballadoras do SAF levan tempo denunciando a situación dos salarios baixos e desfasados, contratos parciais e temporais que se poderían encadrar en fraude de lei e pésimas condicións e dereitos no relativo a cuestións como as baixas por enfermidade laboral ou as condicións precisas para a xubilación. Esta situación viuse empeorada tras a aprobación da Lei de Dependencia do ano 2006 e coa chegada do PP ao Goberno da Xunta, impulsando a privatización dos servizos de atención domiciliaria ao igual que sucedeu coas residencias xeriátricas.

Recentemente, foi denunciada a discriminación das traballadoras do SAF ao non incluílas, xunto ao persoal sanitario, para que lles sexan consideradas enfermidades profesionais os contaxios por COVID, cando este colectivo é o segundo máis afectado despois do sanitario.

O SAF é un servizo municipal que se xestiona de maneira indirecta en moitos casos, por tanto, o Concello de Santiago debe velar pola calidade do servizo que se presta ás usuarias, mais tamén traballar para que se garanta que o persoal laboral, en concreto as auxiliares, preste o servizo en condicións de traballo dignas como corresponde cunha actividade esencial de que depende o benestar das nosas persoas maiores e dependentes en situación de especial vulnerabilidade.

O persoal do SAF, un sector maioritariamente feminizado, compóñeno persoas con especialización que proporcionan unha serie de atencións no seu domicilio a persoas con dificultades para o seu desenvolvemento habitual (fundamentalmente persoas maiores mais tamén persoas con diversos graos de dependencia) e de apoio nas actividades básicas da vida diaria, permitindo deste xeito a autonomía das persoas e facilitando a permanencia nos seus fogares.

O BNG traslada ao Pleno as reivindicacións das traballadoras do SAF para a revisión do cumprimento do convenio