PLENO

O BNG propón mellorar a contorna do Carballo de Conxo

Carballeira de Conxo
Carballeira de Conxo

A intervención debe realizarse con elementos sustentábeis para mellorar a integración das construcións próximas a este emprazamento natural

O BNG propón mellorar a contorna do Carballo de Conxo

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022.- O BNG proporá no Pleno que se realice unha intervención con criterios sustentábeis para mellorar a contorna do Carballo de Conxo, que aspira a ser escollido Árbore Europea do Ano.

Na contorna do Carballo de Conxo xa se realizaron algunhas intervencións como a colocación de comedeiros para paxaros, cando é unha mágoa que sexan de plástico e feitos cos envases de botellas de auga; unha tarima ou un tapiz emulando superficie vexetal, que ben poderían realizarse con elementos sustentábeis e máis adecuados a este espazo.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, tamén resulta de interese limpar e acondicionar a ponte próxima que se encontra en mal estado de conservación e crear unha cuberta vexetal, ou unha decoración alternativa, para a caseta situada nas inmediacións, por poñer dous exemplos de melloras que poden realizarse con escaso investimento económico ou co acordo doutras administracións (xa que a caseta é utilizada para labores do 061) para un lugar que aspira a ser máis visitado do que o é na actualidade.

Carballo candidato á distinción como Árbore Europea do Ano

Con máis de 250 anos de antigüidade e máis de 30 metros de altura, o Carballo de Conxo, que aspira a ser escollido como Árbore Europea do Ano, é o máis lonxevo do histórico Bosque do Banquete de Conxo.

Esta árbore foi testemuña, o 2 de marzo de 1856, do histórico Banquete Democrático de Conxo, un acto organizado por estudantado universitario, persoas artesás e obreiros, como símbolo de fraternidade. Este feito converteuse nun acontecemento de grande importancia simbólica na historia da Galiza, pois contou coa participación de persoas que impulsaron o Primeiro Renacemento da lingua e literatura galegas.  Ademais, este carballo aparece na obra de Rosalía de Castro e sitúase á beira do Camiño Portugués a Santiago, aspectos a ter en conta para optar a esta distinción de recoñecemento europeo.

 

 

 

 

 

O BNG propón mellorar a contorna do Carballo de Conxo