O BNG traslada propostas para fomentar o uso da lingua galega no Concello de Santiago e nas empresas concesionarias de servizos

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei

Recibiu queixas da veciñanza por non dispor de atención en galego, principalmente dos servizos externalizados

O BNG traslada propostas para fomentar o uso da lingua galega no Concello de Santiago e nas empresas concesionarias de servizos

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2022.- O BNG traslada ao Pleno unha iniciativa cunha batería de propostas para fomentar o uso da lingua galega na administración local. En concreto, propón elaborar un novo regulamento de uso da lingua; dotar de máis recursos económicos e de persoal o Departamento de Lingua Galega; fornecer os recursos necesarios para mellorar a competencia e calidade lingüísticas do persoal municipal e ditar unha instrución para que se cumpra a utilización dunha linguaxe inclusiva; e esixiralles ás empresas concesionarias de servizos públicos que garantan a atención e comunicación en galego para as persoas usuarias e o público de Santiago de Compostela.

O grupo municipal do BNG está a recibir constantes queixas da veciñanza de Santiago sobre o incumprimento do regulamento do uso do galego na comunicación da Administración local, tanto no relativo á atención telefónica como presencial, por parte de persoal municipal como de empresas concesionarias de servizos que non o usan na interlocución coa cidadanía. De feito, rexistrou unha pregunta por escrito no mes de novembro de 2021 da que non recibiu resposta.

No Regulamento de uso do galego na administración municipal de Santiago de Compostela, do ano 1988, especifícase que os servizos da Oficina de Información e demais unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa promocionarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación e a información á poboación dos seus dereitos lingüísticos, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación. O disposto nese artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto.

Por poñer un exemplo, o servizo de atención telefónica de Viaqua pese a ter inicialmente unha opción de atención con mensaxes gravadas en bilingüe castelán-galego, cando deriva á atención persoal afirman non entender o galego, o que obriga a mudar de lingua para poder resolver as incidencias.

Outros exemplos son a sinalización do aparcadoiro da contorna da escola infantil de Conxo que prohibe o aparcamento “en toda la plaza” ou no carril bici da avenida de Asturias, que non utilizan o galego nas indicacións.

Incúmprese, así mesmo, este regulamento na elaboración de documentación e informes técnicos e administrativos e en actividades programadas polo Concello de Santiago, tanto internos como externos baixo encargo, o que supón un retroceso importante para avanzar na normalización do idioma propio da Galiza.

 

O BNG traslada propostas para fomentar o uso da lingua galega no Concello de Santiago e nas empresas concesionarias de servizos