PLENO
Goretti Sanmartín: “Sumámonos ás voces que reclaman unha auditoría externa imparcial sobre a xestión da auga en Santiago, que teña en conta que este servizo esencial debe ficar á marxe do enriquecemento ou a especulación”
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, no Pleno extraordinario do debate sobre a forma de xestión do servizo do ciclo integral da auga destacou que “non só está en xogo a escolla do modelo, están en xogo a democracia e a transparencia”, pois é un contrato para os próximos 25 anos, que vai superar este mandato e os seguintes cun investimento de 450 millóns de euros.
Este Pleno foi solicitado polo conxunto da oposición para o debate sobre as posíbeis formas de xestión do servizo de abastecemento e saneamento da auga, sobre as mellores condicións técnicas e contractuais para o Concello e a veciñanza e sobre as razóns do Goberno local para non someter á comisión de estudo para a xestión do ciclo integral da auga a definición deste servizo público.
Goretti Sanmartín, na súa intervención, lembrou que o Goberno local incumpriu a promesa de regularizar os grandes contratos en precario, cando o PSOE no programa electoral se comprometeu a “impulsar no primeiro ano de mandato a xestión renovada do servizo da auga e saneamento, procurando reducir o seu custe para a cidadanía compostelá e homologar trámites e procedementos cos municipais”. Porén, ao cabo dun ano de mandato o que fixeron foi, o 5 de xuño de 2020, anunciar un cronograma de Contratación, entre as que estaba o contrato de saneamento e abastecemento de auga, por 25 anos, que suma 452.500.000 euros. Así, preguntou se están en condicións de afirmar que ese novo contrato non vai repercutir nas tarifas, que non vai supor un incremento do importe que ten que pagar a poboación.
Para o BNG, o máis o ético é facelo “despois dunha análise rigorosa e de pór enriba da mesa as dúas opcións: a xestión directa e a indirecta, sopesando os puntos fortes e os débiles de cada opción”. “O Goberno néganos esa posibilidade e lévanos a reunións trampa, con ordes do día que pretenden distraernos con detalles que non son menores como as prioridades, caso de apostar por unha concesión”, engadiu. Ademais, reclamou garantías non só de subrogación de traballadoras e traballadores, senón de mantemento das súas condicións laborais.
“Sumámonos ás voces que reclaman unha auditoría externa imparcial sobre a xestión da auga en Santiago que teña en conta que un servizo esencial como é a auga debe ficar á marxe do enriquecemento ou a especulación, pois a veciñanza ten dereito a coñecer o déficit en infraestruturas neste servizo, que o propio PSOE recoñece e que sabe que pode chegar a superar os 100 millóns de euros”, advertiu.
O Bloque Nacionalista Galego non partilla a presunción de que un servizo concesionado funciona mellor e é máis barato, tamén é consciente das trabas legais existentes na actualidade para recuperar servizos para a xestión directa, a comezar pola taxa de reposición. Con todo, xulga que o menos que pode facer o Concello de Santiago é “analizar con calma, rigor, transparencia e participación as opcións posíbeis”. Na negociación dos Orzamentos, “o BNG solicitou a posibilidade de recuperarmos a xestión directa dalgúns servizos, algo que favorece a Lei de Orzamentos do Estado”.
Así, Goretti Sanmartín instou a realizar un traballo serio, con datos rigorosos na man, cos informes pertinentes, para falar devagar dun asunto que vai condicionar varias corporacións municipais.